REDACCIÓN > FERROL
O Concello de Ferrol, a través da área de Participación Cidadá, vén de asinar un convenio de colaboración cun total de 25 asociacións veciñais da cidade para contribuír economicamente ao desenvolvemento de iniciativas culturais nos diferentes barrios e parroquias, descentralizando a cultura e achegando a mesma a todos os cidadáns e cidadás.
Neste contexto, o edil sinala que foron as propias asociacións as que decidiron o destino dos fondos no transcurso de varias xuntanzas mantidas o pasado verán coas Concellerías de Cultura e de Participación Cidadá.
Respeto dos proxectos incluídos no convenio, Manuel Santiago explicou que van dende a edición de revistas, a celebración de xornadas culturais ou a posta en marcha de cursos e actividades formativas. Tamén accións encamiñadas ao mantemento daquelas tradicións con fonda raigame nos barrios de Ferrol, á posta en valor da riqueza etnográfica e patrimonial e mesmo para o mantemento de obradoiros e escolas.
En definitiva, apunta Manuel Santiago, a medida contribúe dun xeito significativo ao mantemento dun calendario estable de actividades por parte das diferentes asociacións e entidades veciñais da cidade.