18.1.09

NOVA ILUMINACION PARA O INFERNIÑO.

O Concello renovará a iluminación pública do Ensanche A con farois de menor consumo.

As obras mellorarán a iluminación, entre outras, da praza Río do Tronco.


L. P. REDACCIÓN > FERROL

O aforro enerxético chega á iluminación pública do Ensanche A.
Este barrio será, xunto co de Esteiro -nalgunhas rúas da parte antiga do mesmo o Concello xa procedeu á renovación das luminarias-, dos primeiros de Ferrol nos que levará a cabo a substitución dos actuais puntos de luz por outros de menor consumo e maiores prestacións.
Esta actuación afectará a toda esta zona do Ensanche, coa excepción da rúa Ourense, a avenida da Paz e da praza do Inferniño, que quedarán para unha intervención posterior.
A Concellaría de Servizos que dirixe María López adxudicou o pasado venres estes traballos, que suporán o cambio de case un centenar de luminarias.
Primeiro foi no alumado do Nadal, co uso de lámpadas con tecnoloxía led en lugar das de tipo incandescente ou halógenas que habitualmente viñan utilizando nestas instalacións, e agora o aforro enerxético chegará por fin aos barrios, empezando polo Ensanche A.
A empresa SICE encargarase de levar a cabo a substitución dos actuais farois que iluminan as rúas desta zona do municipio por outras de menor consumo enerxético.
Esta compañía foi a que presentou a mellor oferta das tres que optaban a facerse con este contrato. De feito, a súa proposta rebaixa en case 40.000 euros o prezo de saída fixado polo Concello, polo que finalmente os traballos executaranse por 96.400 euros, no canto dos 136.300 polos que foron licitados.
O plan de obra de SICE non altera, con todo, o tempo de realización da intervención estimada no concurso, que se mantén nos tres meses.
A Concellaría de Servizos e Medio Ambiente aprobou esta adxudicación o pasado venres. A responsable deste departamento, María López, aclarou que se trata dunha concesión temporal, posto que as outras compañías concursantes teñen quince días por se deciden presentar alegacións.
Unha vez vencido este prazo legal, o inicio da actuación será inminente, segundo apuntou a responsable deste departamento.
Novos farois -
Os traballos consistirán no cambio dun total de 92 luminarias por outras de fundición de aluminio, cun único foco, de 150 vatios de potencia e cun menor consumo enerxético. Unha vez que estas entren en funcionamento, o Concello estima que poderá aforrar ao redor dun 20% na factura da luz, por iso é polo que a concelleira de Servizos considere que máis que un gasto, estas obras supón un investimento para as arcas municipais.
Nesta liña, María López explica que a duración da luminaria e da lámpara é moito maior que nos equipos actuais, conseguíndose ademais reducir o consumo e mellorar as prestacións.
Pero ademais da instalación dos novos puntos de luz, a intervención inclúe a unificación e recolocación nun só dos cadros de control, a día de hoxe dispersos por varias rúas; así como nunha nova canalización eléctrica, que nalgunhas zonas será subterránea.
Respecto diso deste novo tendido, a responsable da área de Servizos subliña que estará preparado para poder acometerse calquera ampliación futura da iluminación a outros puntos do barrio.
Deste plan de aforro enerxético beneficiaranse un total de doce rúas do Ensanche A (Castelo de Andrade, Instituto, Río Xuvia, Río Mera, Río Lambre, Río Eume, Pérez Villamil, Pontevedra, Publicista Saralegui, Alcalde Usero, Ministro Patiño e Moeche), ademais da praza Río do Tronco e a de Segura Torrella.
Unicamente a rúa Ourense, a avenida da Paz e a praza do Inferniño quedarán á marxe desta actuación, posto que a renovación da iluminación pública destes lugares levará a cabo nunha segunda fase, en cuxo proxecto xa traballa a área de María López.
Destes tres últimas contornas, a praza do Inferniño, por ser un dos poucos espazos de estancia cos que conta o Ensanche, é prioritaria para o goberno.
A edila recoñece que este enclave presenta na actualidade unha iluminación deficiente, polo que necesita de un tratamento especial, que ademais de darlle máis claridade á praza evitará a contaminación lumínica.
Diario de Ferrol.-

13.1.09

HUMANIZAR ESPAZOS -ROTONDAS...

Preto de 30 estudos de arquitectura participan

no concurso de urbanización de cinco prazas.


A confluencia entre Río Mera, Río Xubia e outros viarios será unha das zonas de actuación
DANIEL ALEXANDRE REDACCIÓN > FERROL






O plan de humanización de barrios que o goberno local está implantando na cidade chega ao Ensanche a través do concurso para proxectar a urbanización de cinco prazas nesta zona da cidade, que carece de zonas de esparexemento.
A colaboración entre o Concello ferrolán e o COAG permite pór en marcha esta iniciativa, que xa tivo un importante éxito de participación, cun total de 27 propostas de estudos de arquitectura de diversos puntos da xeografía española.
Haberá que esperar agora o contido das iniciativas, para que non suceda como co concurso de ideas da Costa de Mella, que, a pesar das expectativas, resultou finalmente deserto.
A colaboración entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos propiciou un novo concurso de ideas para urbanizar cinco prazas na zona do Ensanche ao que xa presentaron as súas propostas un total de 29 estudos de arquitectura -un quedou excluído por non cumprir as normas establecidas-.
O concurso pretende a creación de zonas de estancia e de esparexemento para os veciños, liberándoas de vehículos e dotándoas de mobiliario urbano.
Trataríase de humanizar un barrio que apenas ten espazos públicos.
O concelleiro de Planificación Urbanística, Anxo Mato, deu conta onte do resultado do concurso, que tivo unha importante acollida, ata en estudos de fóra de Galicia.
O obxectivo do concurso é seleccionar a mellor proposta que sirva como base para a contratación dos servizos de redacción de proxecto técnico, básico e de execución.
Os cinco espazos nos que está previsto intervir son:
- 0 conformado pola confluencia de Río Mera, Río Xuvia, Río Eume, Castelo de Andrade e Mosteiro de Caaveiro (uns 3.150 metros cadrados), a Fontaíña;
- Pintor Belo Piñeiro e Río Miño (2.360 metros cadrados);
- o tramo de cálea Pintor Belo Piñeiro, diante da igrexa do Rosario e os extremos das rúas Río Lérez e Río Castro (700 metros cadrados);
-o tramo con máis sección de rúa Castro
- un tramo da rúa paralela -Fontemoura-, unidos por Illa Herbosa (1.825 metros cadrados) e a intersección entre rúas Vila Soidade, Uruguai e Sartaña, que actualmente forman unha glorieta (2.220 metros cadrados).
Nas próximas semanas, e sen prolongarse máis aló do 27 de febreiro, o xurado analizará e avaliará as propostas e dará a coñecer a súa decisión.
O xurado estará estará presidido polo alcalde, Vicente Irisarri, e integrado por Alberto Noguerol, arquitecto elixido polos aspirantes; Juan Vila, arquitecto municipal; Anxo Mato, concelleiro de Urbanismo e a secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O gañador recibirá 4.000 euros e o segundo e terceiro premio contarán con 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.
Diario de Ferrol.-

ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS-2009

O goberno local creará un regulamento

de participación orzamentaria este ano.

REDACCIÓN > FERROL
O portavoz do PSOE e edil de Facenda, Ramón Veloso, confía en poder levar ao pleno os orzamentos deste ano en febreiro e en alcanzar un acordo como mínimo con Esquerda Unida -o BNG xa o pactou por escrito- para sacalos adiante.

Con este fin, Veloso anunciou que o escollo da participación cidadá -unha das principais reclamacións do ex socio de goberno dos socialistas- considérase salvado non coa inclusión dunha partida concreta -pedía un millón de euros- senón con que nas bases de execución do orzamento para 2009 contémplese que se concretará un regulamento de participación orzamentaria.
Trátase, explicou Veloso, dun mecanismo polo que os vecinso terán a posibilidade de participar na xestión dos fondos do Concello, o que, a xuízo do concelleiro, podería supor alcanzar a cifra dun millón de euros que expón EU.
En calquera caso, o propio Veloso matizou que o ideal sería que un 1,5% ou un 2% do orzamento xestionásese deste xeito, como sucede noutras cidades nas que a cuestión da participación cidadá está máis desenvolvida que no caso de Ferrol.
Nos próximos días haberá novos encontros do grupo de goberno con EU e tamén co PP -aínda que o PSOE expresa as súas dúbidas sobre un posible acordo-. Veloso considera que IF, pola súa banda, pechou a porta á negociación.
Diario de Ferrol.-

9.1.09

MOBILIZACION CONTRA A MASACRE DE ISRAEL

NOVA CONCENTRACIÓN EN SOLIDARIDADE CO POBO PALESTINO
"DETEÑAMOS O TERRORISMO SIONISTA"

Venres, 9 Xaneiro, ás 8 da Tarde

Concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, na Praza Amada García Acude e difunde !!
Alto á masacre e ao xenocidio en Gaza !!
Convocatoria aberta, até agora participan:
ADEGA, Asociación Cultural Fuco Buxan, Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga", Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño", Acsur-Las Segovias, BNG, Briga, Comité de Empresa de MEGASA, Confederación Intersindical Galega - CIG, Confederación Nacional do Traballo - CNT, Colectivo Ártabra 21, Esquerda Unida (EU), Fervesteiro, Fundaçom Artábria, Galiza Nova, Marcha Mundial das Mulleres, Nós - Unidade Popular, OSPAAL Galicia, Partido comunista de Galicia (PCG), Siareir@s Galeg@s, Sindicato Comarcal das CCOO,UGT, Unión Libertaria, Verdegaia.
Sumate á convocatoria !!

2.1.09

CARBÓNS - CARTA REIS E DESEXOS 2009 -

A Xunta Directiva da Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño enviamos as peticións veciñais na nosa carta aos Reis, na que pedimos máis que nunca unha ansiada e desexada PAZ , SAÚDE e ánimos para todos e capear o temporal da crise neste ano 2009.

Desde a nosa Asociación lembramos ás principais peticións do barrio do Inferniño que merecen unha atención especial , así pedimos:


- A REMODERACIÓN DA PRAZA DO INFERNIÑO.
- UNHA NOVA AREA DEPORTIVA NESTA ZONA DEPORTIVA..
- O PROXECTO DEFINITIVO PARA REALIZAR O PARQUE URBANO.
- UNHA PRAZA NO RIO DO TRONCO
- A URBANIZACION DEFINITIVA DA RÚA RIO XUBIA.
- URBANIZAR DE NOVO A RUA RIO CASTRO.
- DINAMIZAR O CENTRO CULTURAL .
- RESCATE DESTE CENTRO COMERCIAL .

Temos algunhas decepcións que como en anos anteriores imos mencionar de xeito metafórico a modo de SAQUIÑOS DE CARBÓN NEGHRO, onde consideramos que a veciñanza estivo moi crítica con certas actuacións desacertadas.

* Un gran saco de carbón para o alcalde Vicente Irisarri e a ex tenente alcalde Yolanda Díaz por non seren quen de aproveitar a confianza que os cidadáns lles outorgamos, privando a Ferrol da tan desexada estabilidade política.

* A Ex-concelleira de Cultura, Yolanda Díaz merece outro saquiño de carbón por non ter recuperado durante o seu paso por a concellería o Centro Cultural Municipal Carvalho Calero, no Inferniño, para uso e disfrute de toda a cidadanía, resolvendo dunha vez por todas o estado de "ocupación" do devandito centro por parte dunha entidade privada.

* Outro gran saco de carbón para o PP- IF porque aínda estamos pagando as consecuencias económicas da súa desastrosa política urbanística no que respecta a espacios públicos (léase edificio de 21 m. na praza de España, entre outros) as seguiremos padecendo nas arcas do concello durante moito tempo.

* Para acabar co carbón , pedimos unha tonelada (ou dúas) para os promotores políticos, económicos e mediáticos de Reganosa; que algúns terán que explicar por que agora xa non é ESTRATÉXICA en mans de empresas rusas.

* Tamén, con moita esperanza, pedimos unha brúxula, con manual de instruccións incluído, para Angel Mato e María López, concelleiros de Urbanismo e Medio Ambiente, respectivamente, para que fiquen o norte e non se perdan á hora de levar a cabo o proxecto do parque urbano no Palco das Ánimas e a recuperación do humidal.

Para rematar nosos PARABENS para as nais/pais do alumnado do CEIP Ibáñez Martín, ANPAS e comunidade educativa que por fin votaron o cambio de nome deste centro a CEIP Recimil.--


Ferrol a 2 de Xaneiro de 2009.

asdo. Xosé M. Sanxoán - Secretario
asdo. Ana J. López - Presidenta

FELIZ ANO 2009


A xunta directiva quere desexarvos un
FELIZ ANO 2009.


Tamén enviamos unha carta de peticións aos REIS MAXICOS para que coñezan nosas principais reivindicacións para o noso barrio que amosamos na nosa páxina do BLOG.

Saúde

A xunta directiva.-