17.2.11

TARIFAS APARCAMENTO INFERNIÑO


     
  A Asociación O Rosario- Inferniño, relembramos que o pasado 12 de xaneiro, hai un mes, presentamos un ESCRITO no Rexistro Xeral Municipal do Concello de Ferrol para denunciar o abusivo cobramento nas TARIFAS da Empresa concesionaria PORTANOVA PARK S.A. – lugar do Centro Comercial do Inferniño.

   Nesta queixa informábavos que o cobramento destas TARIFAS presentaban un encarecemento do 12, 5 %  na modalidade mensual e  56 % na tarifa diurna, o cal está moi lonxe do IPC anual.

   Esta Asociación Veciñal, presenta unha nova QUEIXA PARA DENUNCIAR QUE SE CONTINÚA COBRANDO AS TARIFAS AOS USUARIOS DE FORMA ABUSIVA POR PARTE DESTA EMPRESA PORTANOVA PARK S.A.

   Instamos ao Concelleiro de Facenda a RESPOSTAR as nosas denuncias, lembrándolle ao Concelleiro de Facenda que ten o deber de contestar por escrito todas aquelas demandas que lle soliciten as entidades sociais ou a cidadanía como así contempla o REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.

   Unha vez máis, pedimos ao Goberno Local o cumprimento do Prego de Condicións así como ofrecer aos usuarios todas as garantías legais e SANITARIAS.
                  
   Ante o anuncio público da concellaría de Facenda, informando  dun investimento de  200. 000 € desta empresa concesionaria, pedimos a garantía  deste compromiso co fin de continuar as obras necesarias de mellora e seus dispositivos electrónicos homologados pola normativa vixente.

Tamén nos facemos eco das reivindicacións laborais dos TRABALLADORES deste aparcamento e pedimos a empresa concesionaria o cumprimento escrupuloso dos convenios.

 Demandamos, unha vez máis, a intervención da Concellaría de Facenda e Patrimonio co fin de que a EMPRESA CONCESIONARIA RECTIFIQUE E CORRIXA O COBRAMENTO DESTAS TARIFAS, APLICANDO O IPC ANUAL DENDE O MES DE XANEIRO-2011.

Ferrol, a 7 de Febreiro de 2011.


- A Directiva.-

POR FIN APERTURA DA BIBLIOTECA.-

O Concello anuncia que a Biblioteca

Municipal da Praza do Inferniño

reabre mañá as súas portas

• A concelleira Mercedes Carbajales avanzou que as instalacións, ubicadas no Centro Cultural Carvalho Calero, abrirán de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00

• A Biblioteca ofrece conexión a Internet a través da tecnoloxía Wifi, servizo de consulta e lectura en sala, préstamo a domicilio, hemeroteca e unha sección infantil


Ferrol, 17 de febreiro de 2011.-
A concelleira de Educación e Cultura, Mercedes Carbajales, anunciou esta mañá que a Biblioteca Municipal do Inferniño reabrirá mañá, venres, as súas portas, polo que estará novamente a disposición de todos os veciños e veciñas que o desexen. ¿Horario de atención? De luns a venres, de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00.

Deste xeito, e tras a contratación dunha nova profesional -a anterior xubilouse-, os usuarios e usuarias poderán desfrutar da ampla variedade de servizos que ofrece esta biblioteca sucursal, entre os que figura a conexión a Internet a través da tecnoloxía Wifi con custe cero, un servizo do que se pode beneficiar a cidadanía co seu portátil e do que dispoñen tamén a Biblioteca de Caranza e a Biblioteca Central da Praza de España.

Así mesmo, as ditas instalacións, que teñen capacidade para albergar ata a 80 usuarios e usuarias, están dotadas con seis ordenadores con conexión a Internet e outro a maiores para acceder ao catálogo. Outros dos servizos son a consulta e lectura en sala de libros, revistas e publicacións periódicas ou o préstamo a domicilio. Non só iso, a Biblioteca dispón tamén dunha pequena hemeroteca e unha sección infantil destinada aos máis novos da casa.


Saúdos; Gabinete de Comunicación