25.6.05

Estatutos

Estatutos da Asociación Veciñal "O ROSARIO-INFERNIÑO"



CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL


Artigo 1º.- A entidade veciñal regulada polos presentes estatutos , adoptará o nome de Asociación Veciñal “O ROSARIO – INFERNIÑO “ do Ensanche A de Ferrol, en adiante A. veciñal O Rosario – Inferniño constitúe unha entidade sen ánimo de lucro, que terá o seu ámbito de actuación territorial coñecido histórica e popularmente como o lugar do Inferniño, no barrio do Rosario, entre Avenida da Paz e rúa Manuel Belando; Estrada de Castela e a vía do tren, límite con Sta. Mariña.

A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable ademais dun regulamento de réxime interno.

A A.veciñal O Rosario - Inferniño ten personalidade xurídica propia para cumprir as súas finalidades, para rexer os seus bens e para exercer os seus dereitos.


Artigo 2º.- Son fins principais da Asociación:

1.- A mellora moral e material do barrio, fomentando a IGUALDADE e SOLIDARIEDADE nunha sociedade LIBRE, DEMOCRÁTICA e PLURAL.

a) A Asociación veciñal O Rosario - Inferniño, será totalmente aconfesional sen ningunha vocación ou connotación relixiosa.

b) A Asociación veciñal “O Rosario - Inferniño, será allea as organizacións políticas e sindicais, aplicando súa propia política veciñal independente.

Manterá nosa entidade contactos periódicos cos axentes sociais, partidos políticos, sindicatos, Federacións veciñais, representantes do pobo, Concello de Ferrol, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, etc, desenvolvendo así políticas veciñais activas nas diferentes Areas ou Mesas Sectoriais, Consellos de Distrito e de Participación Cidadán .

2.- A creación dos servizos sociais necesarios na comunidade con atención especial:

a) Atención ás PERSOAS MAIORES.

b) Servizos en relación ca MULLER.

c) A XUVENTUDE e a INFANCIA, facendo políticas educativas, deportivas e de prevención.

d) Colaborar cos Servizos Sociais municipais na integración dos INMIGRANTES.

c) Calquera actuación en atención das persoas máis desfavorecidas.

d) O asesoramento xurídico aos socios –as ou colectivos do barrio, ademais do amparo de nosa asociación ante posibles abusos dalgunha administración.

3.- A promoción e recuperación da CULTURA GALEGA en xeral e súa etnoloxía.

4.- A defensa dos intereses xerais dos veciños e o desenvolvemento dos valores de convivencia, tendentes á aparición dos lazos sociais e de solidariedade humana.

5.- A defensa do PATRIMONIO NATURAL, -MEDIOAMBIENTAL, ARQUITECTONICO.

a) Salvagarda do PARQUES E XARDINS, no concreto a Praza do Inferniño, Río do Tronco, Palco de Animas , etc., favorecendo a aparición de parques públicos, e OUTROS ESPAZOS se así o demandan colectivos veciñais.

b) Mellora do entorno na vías do tren.

c) Denuncia da contaminación acústica que causen molestias aos veciños.

d) Denuncia da contaminación alumínica.

e) Denuncia das empresas e comunidades de veciños que permitan as antenas de telefonía móbil nas areas próximas a parques públicos , colexios ou calquera outra forma de contaminación electromagnética.

f) Cooperar na defensa da Ría de Ferrol, súas ribeiras e entorno, cumprindo coa obriga de boa VICIÑANZA na salvagarda de nosa RÍA.

g) Denunciar a aquelas empresas que causen danos importantes no medio ambiente, prexudicando na calidade de vida dos cidadáns.

h) O coidado da ARQUITECTURA e edificios históricos ademais da conservación das fachadas por parte das comunidades de propietarios.

6 .- Ter cubertas as necesidades educativas no barrio, colaborando coas ANPAS e comunidade educativa.

7 .- Defender unha Sanidade pública e de calidade.

8 .- Impulsar as distintas areas de Participación Cidadá.

9 .- Aceptar as recomendacións das conclusións AXENDA LOCAL 21.


Artigo 3º.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación:

1.- Organizar actividades nas instalacións propias e municipais no barrio.

2.- A divulgación das ARTES ESCENICAS en todas súas facetas para o desenvolvemento da CULTURA cara o barrio.

a) Fomentando o TEATRO entre os veciños / as.

b) O fomento do DEPORTE e a recuperación dos XOGOS TRADICIONAIS E POPULARES como son A Chave, A Rá Birlos, Billarda, Petanca, Soga_tira ... etc.

c) Respectar as tradicións galegas celebrando en tempo OS MAIOS , NOITE DO SAN XOAN, O SAMAIN, MAGOSTO, LETRAS GALEGAS, MUSICA FOLC GALEGA ou CELTA, MÚSICA TRADICIONAL, etc.

3 .- As diferentes manifestacións, concertos e actividades artísticas e deportivas.

4 .- A consecución de Garderías, ludotecas infantís, bibliotecas, etc.

5 .-Cooperación na solución dos problemas de vivendas, urbanización do lugar, loitando contra a especulación do solo, defendendo o patrimonio público.

6 .- A reivindicación constante dunha maior participación cidadá , actuando a A.veciñal O Rosario - Inferniño no seu dereito de exercer a presión social necesaria na consecución e defensa dos logros sociais e veciñais máis xustas.

Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase ós devanditos fins a actividades culturais e sociais , mediante a programación anual, exceptuándose as doazóns efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola Asociación , tendo prioridade os /as socios/as.


Artigo 4º.- O domicilio principal
[1] e permanente da Asociación radicará na localidade de Ferrol , en principio na Rúa Río Lérez, nº 2 – 4 , 2º Esquerda , CP 15404 , podendo utilizar outros locais asociativos adicionais dentro do barrio, mediante acordo da Xunta Directiva e Asemblea Xeral, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións.


Artigo 5º.- A Asociación en funcións dos seus fins e do sitio do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito local da Comunidade Autónoma de Galicia, exercendo a lingua galega como propia en todos os actos oficiais, documentación, comunicación, etc.


Artigo 6º.- A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.



CAPÍTULO II
DOS SOCIOS


Artigo 7º.- Poderán ser integrantes da Asociación tódalas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica, que posúan o seu domicilio anual ou parcial, no barrio do Rosario e o soliciten voluntariamente así coma aqueles que exerzan súa actividade profesional e laboral.

Tamén poderán ser socios/as de adhesión aquelas persoas que, non tendo esta residencia simpatizaren cos fins da Asociación e se sometan ó contido destes Estatutos.


Artigo 8º.- Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:

a) Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.

b) Numerarios, aquelas persoas do barrio que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.

Tamén adquirirán esta condición de Socios numerarios aquelas persoas que vivan nas proximidades e fagan vida habitual no barrio.

c) Honra, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.

d ) Xuvenís, aqueles socios /as menores non emancipados de máis de catorce anos e fagan propostas de actividades propias da mocidade.

e) Adhesión, segundo o artigo 7.a, con voz mais sen voto.


Artigo 9º.- Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:

a) Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.

b) Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.

c) Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.

d) Gozar de toda as vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.

e) Ter copia destes Estatutos.

f) Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.

g) Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.

h) Facer suxerencias ós membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.

i) Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todo os anos , así como o desenvolvemento da súa actividade.

j) A impugnar os acordos dos órganos da Asociación que estimen contrarios á lei ou aos estatutos.


Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:

a) Prestar cantos servizos determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.

b) Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.

c) Asistir nas posibilidades ás Asembleas Xerais.

d) Satisfacer as cotas que se establezan.

e) Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.


Artigo 11º.- Os asociados e asociadas de honra ou socios/as menores de idade non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.


Artigo 12º.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante e se acompañará unha credencial da identidade do solicitante.


Artigo 13º.- A condición de asociado pérdese:

a) Por vontade propia.

b) Por falta de pagamento continuado nas cotas equivalentes a unha anualidade.

c) Por realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación.

d) Por expediente disciplinario.


Artigo 14º.- A expulsión de asociados e asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.

Cando a baixa se produza por vontade dun/unha asociado/a, este/a deberá realizar unha petición escrita e procederá ó aboamento das cotas que teña pendentes.


Artigo 15º.- Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito.

A Xunta Directiva poderá acordar a separación temporal dun asociado cando estea tramitando un expediente sancionador, ou concorran causas xustificados que o aconsellen, tales como o atraso continuado no pagamento dalgunha cota , ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.



CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN


Artigo 16º.- A dirección e administración da Asociación serán exercidas pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.


Artigo 17º.- O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre es socios e a súa duración renovarase cada 2 anos.


Artigo 18º.- A Xunta Directiva estará formada por un Presidente ou Presidenta , un Vicepresidente ou Vicepresidenta, un Secretario ou Secretaria, un vicesecretario/a, un Tesoureiro /a e tres vogais como mínimo.


Artigo 19º.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.
Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de 2 anos, podendo ser obxecto de reeleccións indefinidamente.

Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade cada ano. Na primeira quenda serán renovados o Secretario/a, Vicepresidente/a, o Tesoureiro/a e os vogais pares e na segunda quenda, o ano seguinte, o Presidente/a, Vicesecretario/a e os vogais impares.

O persoal de secretaría, se o houbese, será nomeado pola Xunta Directiva, que acordará ademais a súa retribución.

Será incompatible á pertenza na Xunta Directiva co feito de seren cargos de responsabilidade política ou cargos orgánicos de relevancia pública, analizando cada caso os órganos representativos da Asociación.


Artigo 20º.- É función da Xunta Directiva :

a) Programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación.

b) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

c) Procederá a convocar e fixar a data da Asemblea Xeral por medio do presidente.

e) Facer a Orde do día das Asembleas Xerais.

f) Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben.

g) Designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.

h) Dictar normas internas de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.

i) Corresponderalle tamén todas aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.


Artigo 21º.- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións de xeito habitual e cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente/a e, na súa ausencia, polo Vicepresidente/a ou o Secretario/a, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña mais idade.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia polo menos, de 2/3 dos seus membros, sendo necesaria a presenza do Presidente ou vicepresidente, Secretario ou persoa en funcións do mesmo. No caso de empate decidirá o voto do Presidente/a.

O Secretario/a ou , no seu defecto, o Vicepresidente/a levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.


Artigo 22º.- Os membros e vogais da Xunta Directiva serán responsables das comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de recabar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos responsables.

Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Poderán nomearse DELEGADOS DE ZONA OU AREA, cando así o acorden os órganos da Asociación, tendo a misión de informar e coordinar nos temas que afectan ó barrio.


Artigo 23º.- A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o máximo órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por todo os integrantes da mesma. O Presidente/a e o Secretario /a da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.


Artigo 24º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou o presidente, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente/a, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.


Artigo 25º.- A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada ano e preferentemente no primeiro trimestre de cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.

As notificacións farase nos locais da Asociación , domicilio dos socios/as e notas en prensa para as Asembleas Ordinarias e Asembleas extraordinarias.


Artigo 26º.- Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

a) Aprobar a acta da Asemblea anterior.

b) Aprobar o plan de actividades.

c) Examinar e aprobar a memoria de actividades.

d) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.

e) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.

f) -Exame e aprobación das cotas de socios/as.


Artigo 27º.- Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

a) Modificar os Estatutos da Asociación (2/3 dos socios /as ).

b) Elixir os integrantes da Xunta Directiva.

c) Aprobar a federación con outras Asociacións.

d) Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.

e) Acordar a disolución da Asociación ( 2/3).

f) Designar os/as liquidadores /as.

g) Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva (2/3).

h) Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación.

i) Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.

j) As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera a súa convocatoria , sen grave prexuízo para a Asociación.

k)Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.


Artigo 28º.- Para que as asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran a metade mais un do total na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.


Artigo 29º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos os apartados “a”, “e”, “g” do artigo 27, que requirirán maioría de dous tercios. A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas e asinará o/a Presidente/a, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría.


Artigo 30º.- Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a todo os/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións se abrirán cando así o determine o Presidente. Seguidamente se procederá por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente o Secretario/a procederá a ler a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

Unha vez rematados todo os asuntos da orde do día se procederá a facer unha quenda de rogos e preguntas, adopción de acordos e se levantará a sesión por parte do Presidente /a.


Artigo 31º.- Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.


Artigo 32º.- O Presidente/a da Xunta Directiva terá , ademais das facultades consignadas no artigo 17º, as seguintes atribucións:

a) Presidir , levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.

b) Propoñer xunto a Xunta Directiva, o plan de actividades da asociación impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c) Ordenar os pagamentos acordados validamente.

d) Representar a Asociación perante calquera organismo público ou privado.

e) Asinar as actas, certificados, convocatorias , pagos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario, tesoureiro ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

f ) Cumprir a facer cumprir os acordos dos órganos de goberno.

O Presidente/a será asistido nas súas funcións por un Vicepresidente, que, ademais, substituiralle nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.


Artigo 33º.- O Secretario/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Corresponderalle así mesmo notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente.

O Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da asociación nun libro establecido ó efecto.

O Vice- secretario asumirá a súas funcións en ausencia do Secretario ou por delegación axudará nesta función.


Artigo 34º.- O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, participan en tódalas operacións de orde económico.

O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a dispor dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Poderá nomearse un Vice – Tesoureiro para cubrir ás funcións do Tesoureiro por ausencia.

Artigo 35º.- Os Vogais no número que determine a Asemblea Xeral terán as seguintes atribucións:

a) Realizar programas e propostas na súa área de actuación.

b) Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.



CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO


Artigo 36º.- A Asociación no momento de iniciar as súas actividades non dispón de patrimonio. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.


Artigo 37º.- A Asociación funcionará en réxime de orzamento anual. O borrador de orzamentos será elaborado polo Tesoureiro/a da Asociación, que deberá telo preparado antes do primeiro día de xaneiro de cada ano, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.


Artigo 38º.- A Asociación manterase dos seguintes recursos:

a) As cotas periódicas dos/as asociados /as.

b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.

c) As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.

d) Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.

e) Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.


Artigo 39º.- As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva non sendo reintegrables en caso algún, adicando a atender as necesidades da Asociación.


Artigo 40º.- Anualmente con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria , que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.


Artigo 41º.- Anualmente no tempo que establece o artigo 25 será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.


Artigo 42º.- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente, Vicepresidente e o Tesoureiro/a, para a utilización conxunta deles.


Artigo 43º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.



CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO


Artigo 44º.- O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.



CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN


Artigo 45º.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou ¼ dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para calquera socio/a poida se dirixir á Secretaria as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.


Artigo 46º.- Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral de socios.


Artigo 47º.- A Asociación disolverase polas seguintes causas:

a) Pola vontade dos asociados/as acordada polas 2/3 partes dos mesmos/as.

b) Por outras causas determinadas legalmente.

c) Por sentencia xudicial.


Artigo 48º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a Presidente/a e o/a Tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.


Artigo 49º.- O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.



_______________

Xosé Manuel Sanxoán Caamaño con DNI. 32 613 638 Y , enderezo na rúa Río Lérez, nº 2 – 4 , 2º Esq., CP. 15404 da localidade e Concello de Ferrol, actuando de Secretario da Asemblea
Fundacional da Asociación Veciñal “ O Rosario – Inferniño “


C E R T I F I C A ;


Que os presentes ESTATUTOS foron lidos na Asemblea Constituínte de data de 25 de Xuño de 2005

segundo dispón a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo , reguladora do Dereito de Asociación, sendo aprobados

por unanimidade dos asistentes .

Na mesma Asemblea nomeouse unha Xunta directiva , segundo consta na Acta Fundacional.

Acordouse tamén aprobar ás contías das cotas ordinarias dos socios/as na cantidade de 3,50 € ao trimestre.

Acordouse facer xestións coa Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol para a consecución dun LOCAL SOCIAL, concretamente o baixo do antigo INEM , na rúa Deporte para o desenvolvemento de nosas actividades.

E sen máis que tratar , levántase a sesión ás 13 15 horas , en Ferrol a 25 de XUÑO de 2005.

O Presidente da Asemblea
Javier Sánchez García
DNI. 32.646.131 T

O Secretario da Asemblea
Xosé Manuel Sanxoán Caamaño
DNI. 32.613.638 Y

1º Vogal
Xesús Toja Suárez
DNI.32.652.365 R

2º Vogal
Miguel A. Castro Campos
DNI.32.608.629

_________________________

OUTRA DISPOSICIÓN .-
Nomeamento da XUNTA DIRECTIVA –

Unha vez aprobados os ESTATUTOS por unanimidade, procede esta ASEMBLEA FUNDACIONAL a nomear unha XUNTA DIRECTIVA, coa encomenda de xestionar a Asociación Veciñal “O Rosario – Inferniño” , segundo os estatutos e a lei de asociacións 1/2002, asinando a conformidade e aceptación .

Presidente : D. Xosé Manuel Sanxoán Caamaño
DNI nº 32.613.638 Y

Vicepresidente : D. Javier Sánchez García
DNI nº 32 646 131 T

Secretario : D. Xesús Toja Suárez
DNI nº 32.652.365 R

Tesoureiro : D. José M. García Ramos
DNI nº 32.633.167 P

Vogais pares

D. Miguel Castro Campos
DNI. 32.608.629 B

Dª Mercedes Salvatierra Ventura
DNI. 33.389.535 K

D. José Serantes Castaño
DNI. 32.564.353 E


Vogais impares

D. Álvaro Montes Celeiro
DNI. 32.671.155 T

Dª. Tomasina Rozas Romo
DNI. 08.044.409 K

D. Francisco Zurita Raya
DNI. 30.528.023 P

D. Juan Amor Couto
DNI. 32.632.558


En Ferrol, Praza do Inferniño , a 25 de Xuño de 2005 .
_______________________
[1] No caso de utilizar un local social doutra titularidade terá que acreditar autorización de uso correspondente e debidamente asinado.