24.6.12

Parcelas abandonadas.-

A A. Veciñal O Rosario-Inferniño

esixe a limpeza de parcelas.


 Domingo, 24 de Xuño de 2012.
 lorena romeu
ferrol
A Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño denunciou publicamente o estado de abandono que presentan algunhas parcelas localizadas no barrio. O colectivo menciona nun escrito -que prevé presentar a próxima semana no rexistro do Concello- os casos dun terreo situado na Rúa Pintor Pérez Villamil, nas inmediacións do Hotel Hesperia, e outra nas proximidades da estrada de Castela, xunto ás casas de Cachaza. Trátase dos dous exemplos, indican, máis relevantes pero non dos únicos nos que se evidencia a falta de limpeza.

A entidade veciñal de O Rosario-Inferniño esixe a intervención dos responsables municipais para solucionar o problema. Respecto diso, desde a A.Veciñal inciden en que tanto os propietarios dos terreos como os representantes do equipo de goberno ferrolán teñen unha serie de obrigacións, os primeiros en materia de conservación das súas parcelas e os segundos, lembraron, no cumprimento da normativa na que se regula o estado en que deben manterse esas propiedades.

Nalgúns casos as parcelas non teñen maleza pero acumulan unha gran variedade de restos, o que as converte, aseguran, en "vertedoiros incontrolados" en pleno centro da cidade.

A situación complícase naqueles casos nos que, ademais de restos, a maleza invade as propiedades, converténdose nun foco de infeccións. Desde a entidade veciñal O Rosario-Inferniño alúdese especificamente ao caso dunha superficie localizada na zona de Río do Tronco, xunto ao  colexio Belén, onde as ratas, denuncian, campan ás súas anchas.

Diario de Ferrol.-


20.6.12

FESUCO - Xulgado admite a trámite concurso acredores

O Concello abre o expediente para rescatar Porta Nova.

O xulgado admite a trámite a petición

de concurso de acredores para Fesuco.
O Concello de Ferrol iniciou o expediente para rescatar a xestión do centro comercial Porta Nova, situado na praza do Inferniño, segundo confirmou onte o concelleiro de Economía, Alejandro Langtry.

 O goberno local puido dar xa ese paso unha vez que o xulgado de Ferrol admitiu a trámite a petición da actual concesionaria, Fesuco, para entrar en concurso de acredores. Ademais, o xulgado nomeou a un administrador concursal para dirixir todo o procedemento de suspensión de pagamentos.

Langtry explicou que agora, unha vez aberto o expediente, concede un prazo de dez días á empresa para que acepte, ou non, o rescate da xestión. É o que marca a lei, pero o edil sinalou que Fesuco non debería oporse, pois recentemente as dúas partes alcanzaran unha especie de acordo para resolver a relación contractual de mutuo acordo. Se finalmente é así, o expediente rematarase con rapidez, aínda que o edil non quixo adiantar prazos.

Entre tanto, o Concello traballa nos pregos do novo concurso que ten previsto convocar para adxudicar a xestión de Porta Nova. Ao mesmo tempo, Langtry adiantou que están realizando unha auditoría no centro comercial para coñecer con exactitude a situación económica do centro.

O concelleiro de Economía destacou que o Concello seguramente non terá que indemnizar a Fesuco polo rescate das instalacións comerciais do Inferniño. Esta decisión adoptouse hai uns meses tras destaparse que a concesionaria debía medio millón de euros ás arcas municipais. Desde abril, os comerciantes de Porta Nova abonan directamente os recibos ao Concello, en lugar de facelo a través da xestora, como era habitual.


La Voz de Galicia.-


RESCATE- FESUCO debe responder.-

Fesuco debe pronunciarse este mes

sobre o rescate da área de Porta Nova .

 Mércores, 20 de Xuño de 2012 00:00
 lorena romeu
Ferrol

 A empresa Fesuco, concesionaria desde o ano 1999 da xestión da área comercial de Porta Nova e en concurso de acredores, dispón dun prazo de dez días para comunicar ao goberno local se acepta ou non o rescate da concesión por parte do Concello, tras acumular unha débeda coas arcas locais de 500.000 euros. Así o indicou onte o concelleiro de Economía, Alejandro Langtry, que anunciou que xa se procedeu a iniciar o expediente para a recuperación das instalacións, no que respecta á concesión da área comercial.

O concelleiro ferrolán indicou que unha vez que o administrador único nomeado pola sociedade comunique ao Consistorio de modo oficial o seu posicionamento, o goberno local iniciará os trámites pertinentes para proceder a sacar de novo a concurso a xestión do Centro Comercial Porta Nova, onde actualmente están ocupados sete do vinte locais dispoñibles.

Até o momento en que se resolva a nova licitación pública para a explotación das instalacións o Concello ferrolán asumirá a súa xestión. Nos 17 anos de existencia do centro, esta é a segunda ocasión na que o goberno local ten que tomar cartas no asunto. O primeiro ano da súa apertura, en 1995, a concesionaria do servizo, a firma Gepersa, tamén acumulou débedas co Concello, polo que tivo que convocarse un novo concurso, que gañou a empresa Fesuco.

Ante esta traxectoria, os comerciantes do centro advertiron ao goberno local da necesidade de que a nova adxudicataria presente a solvencia necesaria para garantir a xestión futura da área de Porta Nova.

 Para iso, reclaman que se esixan fianzas e poder participar activamente no proceso de concesión.

Diario de Ferrol.-

Actuacións Plataforma

A Plataforma en contra do despilafarro de diñeiro público, informamos que presentaremosesta mañá ás 13 h. no Rexistro Municipal a seguinte  proposta para o seu debate e aprobación no Pleno Municipal a través dos grupos municipais da oposición.

Informamos que onte, luns atarde, mantivemos un encontro cos responsables de Comerciantes de Novo Ferrol e representante do Centro Comercial Aberto A Magdalena para trasladarlles a nosa oposición a estas obras. Intercambiamos diversas informacións e opinións sobre a inconveniencia desta innecesaria actuación habendo puntos de coincidencia no que se refire  as prioridades dos diferentes barrios da cidade, programas sociais e outras actuacións de infraestruturas.

Continuaremos coas actuacións anunciadas co fin de evitar unhas novas obras innecesarias na superficie da Praza de España, entre as que anunciamos a RECOLLIDA DE SINATURAS este vindeiro MÉRCORES-20 a partir das 10,30 h da mañá na mesma Praza de España.

O goberno segue adiante coa súa decisión sen escoitar á cidadanía, a pesar de que o Alcalde presume ante todo de ser o artífice da participación cidadá no noso Concello.

Ante esta situación, os cidadáns non estamos dispostos a que se despilfarre o diñeiro público e consideramos unha irresponsabilidade por parte deste goberno seguir adiante co seu proxecto.

Continuaremos informando das accións a tomar por esta plataforma de oposición a esta proxecto concreto  na Praza de España.


Saúdos

A Plataforma.-


15.6.12

Planta de Gas -Reganosa-ilegal


Manifestación e satisfacción pola Sentenza do Tribunal Supremo contra a Planta de Gas de Reganosa e o concello de Mugardos.




Acto reivindicativo contra a Planta de gas fronte á Casa do Concello de Ferrol.





Rexeitamos as palabras despectivas do Alcalde de Mugardos, pertencente ao BNG. En quince días solucionaremos o fallo do tribunal cun novo informe do PXOU de Mugardos para arranxar a Planta de gas....




CONSULTA POPULAR DA PRAZA DE ESPAÑA.-


Piden que se celebre unha consulta popular

sobre as obras da praza de España .

 Venres, 15 de Xuño de 2012.

  As doce entidades que, xunto con persoas a título individual, constituíron un colectivo opositor ás obras da praza de España, acordaron na reunión que celebraron o pasado mércores iniciar unha recollida de firmas para apoiar a petición de convocatoria dunha Consulta Popular en relación con este investimento.

          Será a partir da próxima semana cando se empecen a solicitar estes apoios e a petición apoiarase no artigo 24 do Regulamento de Participación Cidadá.
 Así, o mércores día 20 realizarase unha recollida de firmas a partir das 10.30 horas na propia praza de España.

        Paralelamente, pedirase aos grupos municipais da oposición que presenten unha moción ao pleno ordinario de fin de mes para evitar que se materialice este proxecto.

As entidades que se opoñen ás obras - as asociacións de veciños de San Xurxo, Esteiro, San Pablo-Catabois, O Rosario-Inferniño, Prioriño, San Román, San Xoán-Bertón, Santa Mariña e Ultramar, as culturais López Bouza , Fuco Buxán e o Colectivo Ártabra 21- prevén tamén levar a cabo outras medidas de presión e mobilizacións que anunciarán oportunamente, pois entenden que é preciso evitar que o goberno local levante de novo a praza de España.
    As asociacións oponse a que se invistan outros 700.000 euros neste espazo -máis 56.000 do proxecto- e aseguran que se gastaron xa 16 millóns nos últimos anos, incluíndo o pago de indemnizacións a empresas privadas con diñeiro público.

  O colectivo insiste no que xa manifestou ao alcalde, José Manuel Rei Varela, na entrevista mantida hai uns días, que consideran a praza finalizada salvo certos arranxos necesarios nas proximidades da rúa Rochel.
 Lembran que o propio rexedor municipal recoñeceu o mal estado dos barrios da cidade e que se lle pediu que se actúe con rapidez en zonas como a rúa do Sol, o túnel da praza de España, Irmandiños, o Callao, o Cantón, o parque Reina Sofía e a praza de Armas, entre outras rúas nas que considerarían mellor investidos os 700.000 euros

Diario de Ferrol.-

8.6.12

Entrevista Alcalde - Praza de españa


Colectivo Defensa dos Espazos Públicos de Ferrol , entrevistouse

co Sr. Alcalde para rexeitar o novo proxecto da Praza de España.

Ferrol, a 8 de xuño de 2012.-



Unha representación do Colectivo Espazos Públicos de Ferrol, composta por doce Asociacións veciñais e entidades sociais desta cidade de Ferrol, mantivo esta mañá unha audiencia co Sr. Alcalde de Ferrol co fin de manifestar a nosa oposición ao novo proxecto da superficie da Praza de España, presentado polo goberno local a cidadanía hai varias semanas.


Manifestamos que nestes momentos consideramos rematada a superficie da Praza de España. Fixemos entrega persoal dun documento para explicar as nosas razóns e total rexeitamento a esta insistente e interminable campo de probas na superficie da Praza de España. Esperamos que o goberno local aproveite todos estes recursos e enerxías para solucionar problemas de infraestruturas nos barrios e de tipo social.

Lembramos que na superficie desta Praza de España existe un acordo de Participación Cidadá para destinar os locais con funcionalidade de caracter social, sala de exposicións, charlas e reunións. Outro problema cara o tráfico é a reparación do TUNEL e Rúa Rochel.

Indicamos ao Sr. Alcalde que non nos corresponde ao movemento veciñal manifestar o destino que debe ter o espazo soterrado desta Praza, polo que deben ser outros foros os que debatan as súas posibilidades.

Rematamos a entrevista pedindo ao Alcalde un compromiso claro para que rectifique e esperando que non inicien unhas obras innecesarias.

 
Ferrol a 8 de xuño de 2012.