27.12.08

REXISTRO DE ENTIDADES CIDADÁS

As asociacións inscritas no Rexistro de Entidades Cidadás accederán á achegas e locais municipais.

REDACCIÓN > FERROL

O Rexistro de Entidades Cidadás de Ferrol permitirá a todas e cada unha das asociacións que día a día levan a cabo accións en favor da comunidade contar cos dereitos que recolle o futuro Regulamento de Participación Cidadá.
Trátase de dereitos tales como intervir nos plenos para expor propostas e iniciativas, asinar convenios de colaboración coa Administración local ou acceder a achegas económicas e subvencións municipais. Así o sinala o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen recorda que, para contar con garantías plenas, as distintas asociacións deben anotarse no Concello.
O procedemento é sinxelo: tan só é necesario achegarse ao Rexistro Municipal é recoller a instancia que deberá de ser devolta debidamente cumprimentada xunto coa documentación requirida antes do 23 de xaneiro.
O edil Manuel Santiago explica o obxetivo: mellorar a comunicación e facilitar espazos para a convivencia e o debate.
Ao fío, Manuel Santiago sinala que “dende os anos 80 o listado de asociacións non foi depurado en forma e contidos, aínda que o propio listado é unha obriga para todas as administracións locais, e obra na Secretaría Xeral”. Engade que “agora nos podemos atopar datos de presidencias e enderezos de localización que non sufriron cambios dende 1987”.
Así, explica que “a demanda dunha actualización dos datos xa foi realizada dende os diversos grupos municipais e dende o tecido asociativo máis activo, que descoñece o número e as actividades do resto das asociacións, algunhas do seu mesmo sector ou do seu barrio”.
E, nesta liña, destaca que “o proceso de reforma do Regulamento de Participación Cidadá serviu para poñer en común diversos aspectos da participación, deseñar mecanismos e canles de comunicación co Concello e identificar tamén a necesidade de depurar o rexistro de entidades como un requisito para exercer estes dereitos”.
Ante a consciencia dos datos tan obsoletos deste listado de asociacións, a práctica ate o dagora foi que dende cada departamento e Concellería se fosen actualizando sectorialmente os datos, sen vertelos moitas veces á Secretaría Xeral.
Así, temos diferentes fontes de información descoordinados en Cultura, Muller, Benestar Social, Deportes, Alcaldía-Protocolo... con campos e niveis de detalle diferentes. Unha situación que era preciso variar para que todo o Concello empregase unha soa fonte de información e que esta fonte estivese completa e actualizada.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: