27.12.08

GOBERNO E COLABORACIÓN VECIÑAL

O Concello contribúe á dinamización dos barrios colaborando coas AVV

REDACCIÓN > FERROL
O Concello de Ferrol, a través da área de Participación Cidadá, vén de asinar un convenio de colaboración cun total de 25 asociacións veciñais da cidade para contribuír economicamente ao desenvolvemento de iniciativas culturais nos diferentes barrios e parroquias, descentralizando a cultura e achegando a mesma a todos os cidadáns e cidadás.
Neste contexto, o edil sinala que foron as propias asociacións as que decidiron o destino dos fondos no transcurso de varias xuntanzas mantidas o pasado verán coas Concellerías de Cultura e de Participación Cidadá.
E, ao fío, apuntou que a traxectoria artística das entidades e o número de persoas socias; o peso da programación cultural sobre o conxunto de actividades organizadas no último ano pola asociación, ou a cooperación interasociativa foron algún dos once factores que se tiveron en conta para seleccionar os proxectos culturais obxecto da achega.
Tamén, o número de actividades propostas no total do proxecto, a poboación destinataria e o territorio que abrangue e o orzamento xeral solicitado.
E mesmo o impacto das accións deseñadas na dinamización cultural do barrio ou parroquia, o seu carácter innovador e a coherencia técnica. A posta en valor e revitalización do patrimonio cultural galego e ferrolán e a densidade da oferta cultural foron outras das cuestións que o equipo técnico atendeu.
Respeto dos proxectos incluídos no convenio, Manuel Santiago explicou que van dende a edición de revistas, a celebración de xornadas culturais ou a posta en marcha de cursos e actividades formativas. Tamén accións encamiñadas ao mantemento daquelas tradicións con fonda raigame nos barrios de Ferrol, á posta en valor da riqueza etnográfica e patrimonial e mesmo para o mantemento de obradoiros e escolas.
En definitiva, apunta Manuel Santiago, a medida contribúe dun xeito significativo ao mantemento dun calendario estable de actividades por parte das diferentes asociacións e entidades veciñais da cidade.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: