17.10.08

EDITORIAL KALANDRAKA E ACTOS CULTURAIS GALEGOS









Kalandraka recupera o folclore infantil galego entre os escolares.



Yolanda Díaz, Marisol López e Xosé Ballesteros na presentación C.C.



REDACCIÓN > FERROL
Máis de mil escolares de entre 4 e 11 anos da cidade participarán desde o vindeiro luns e ata o 5 de novembro na campaña “Cantar e contar: ler na nosa lingua” que a editorial Kalandraka elaborou para a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que desenvolverá en Ferrol.
A iniciativa, que ten por obxectivo recuperar o foclore infantil galego entre os pequenos, levarase a cabo no centro cultural Carvalho Calero, onde ademais das actividades previstas, haberá un espazo de lectura e unha exposición de ilustracións e elementos orixinais da cultura popular.

A primeira das actividades terá lugar o vindeiro luns, a partir das seis da tarde, e estará dirixida aos profesores dos centros educativos, aos que se lles ofrecerá unha visita guiada e unha presentación dos contidos para que eles os poidan aplicar unha vez remate a campaña nas aulas.
Xa nos seguintes días, os protagonistas serán os rapaces.
Eles serán os destinatarios das propostas deseñadas pola editorial, e que consistirán, no caso dos escolares de 4 a 8 anos, en sesión de contacontos sobre “A verdadeira historia de Carapuchiña”, “Os sete cabritos”, “A casiña de chocolate”, ou “A ratiña presumida”, entre outros, que se completarán con música en directo de instrumentos tradicionais e coa introdución de cantigas, adiviñas e refráns.
Por outra banda, obras como “Imaxina animais” ou “Confundindo historias” servirán de apoio para os obradoiros de escrita nos que participarán grupos de 25 estudantes de 9 a 11 anos e que pretenden potenciar a imaxinación dos asistentes.
O derradeiro día da campaña, o 5 de novembro, celebrarase, a partir das 18.30 horas, unha festa especial aberta a todas as familias, que dende o vindeiro luns tamén poderán visitar a exposición en horario de apertura do centro.

Mostra >

Ademais, durante toda a campaña, o centro cultural Carvalho Calero convertirase nun pequeno museo da man da mostra artística configurada por ilustracións orixinais de contos tradicionais publicados por Kalandraka.

Como complemento, haberá un espazo adicado á exposición de instrumentos musicais e antigüidades.
A imaxe da campaña corresponde a unha ilustración do ceramista de Fene Francisco Pérez Porto para o libro-disco “Solaina” publicado pola devandita editorial.

O seu director, Xosé Ballesteros, a concelleira de Cultura de Ferrol, Yolanda Díaz, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentaron onte a campaña no Carvalho Calero.

Todos destacaron a importancia de potenciar entre os máis cativos o emprego da lingua galega como xeito de asegurar a súa pervivencia e vitalidade xeración tras xeración.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: