Unhas 200 persoas manifestáronse
polas rúas de Ferrol contra os
desafiuzamentos.
Actualizado 29 Diciembre 2012.-

un momento da protesta realizada pola tarde-
Daniel Alexandre
Daniel Alexandre
A Plataforma Stop Desafiuzamentos Ferrolterra congregou onte a máis de dous centenares de persoas nunha manifestación que partiu de diante do edificio da Xunta e discorreu pola rúa Real até a praza de Armas. A protesta contra os desafiuzamentos coincidiu con outras que se celebraron en diversas cidades gellegas.
Os manifestantes, entre os que figuraban concelleiros dos grupos municipais do PSOE, Esquerda Unida e BNG, marcharon tras unha pancarta na que podía lerse: "Nin casas sen xente, nin xente sen casas", e coreaban consignas tales como: "Stop desafiuzamentos", "Non, non, non á lei hipotecaria" e "Non son suicidios, son magnicidios". Tamén portaban fotografías dos membros do goberno local do PP acompañadas da frase "Stop desafiuzamentos".
Ao termo da marcha, diante do pazo municipal, deuse lectura a un comunicado esixindo que as administracións se fagan cargo da defensa e asesoramento legal "das familias que son vítimas dunha auténtica persecución bancaria", creando puntos de atención comarcal ou municipal financiados polos orzamentos públicos en colaboración cos colexios de avogados.
Ao mesmo tempo, piden responsabilidades políticas e penais no conxunto da banca, a paralización de todos os procesos de desafiuzamento, a dación en pago con efecto retroactivo acompañada da opción de aluguer social e un parque público de aluguer social das vivendas "usurpadas" pola banca.
A portavoz da plataforma convocante concluíu dicindo que o dereito á vivenda debe estar á marxe do mercado, "porque non volveremos pagar os desmáns dous poderosos".
Diario de Ferrol.-