10.10.12

Informacións rescate Portanova.-

      
Avanza o rescate de Porta Nova ao non acudirse o avalista da empresa .

 Mércores, 10 de Outubro de 2012.
Diario de Ferrol-2012-10-10-014-469c2f9e


 
O concelleiro de Economía, Alejandro Langtry, informou onte na comisión da súa área da non comparecencia do avalista da empresa concesionaria do centro comercial Portanova, a firma Fesuco, no período de audiencia aberto polo Concello. Ante esta situación o procedemento de extinción de contrato continúa a súa tramitación.

Esta cuestión deberá volver a pleno para que a corporación municipal ratifique a súa vontade de recuperación da xestión da área comercial e posteriormente o Consello Consultivo de Galicia deberá ditaminar sobre a petición do Concello.

 O responsable das políticas económicas do Concello lembrou onte que o proceso de extinción de contrato iniciouse, por unha banda, polas queixas veciñais sobre o estado das instalacións e, por outra, pola débeda que a concesionaria ten acumulada co Concello e que ascende a medio millón de euros.

A recuperación que se pretende levar a cabo será sen custo para o Concello, co obxectivo de poder pór en funcionamento de modo racional as instalacións.

O último paso dado no sentido de rescatar este centro comercial remóntase ao pleno do 17 de xullo, de carácter extraordinario e urxente, no que se aprobou de maneira unánime solicitar ao Consello Consultivo de Galicia que se pronunciase sobre o expediente iniciado pola administración ferrolá para a extinción do contrato de concesión para a explotación do centro Porta Nova.

O responsable de Economía lembrou que previamente a iniciar este proceso de recuperación da concesión mantivéronse varios encontros coa firma adxudicataria, que inicialmente mostrara a súa disposición a renunciar ao contrato administrativo de mutuo acordo, pero posteriormente cambiou de opinión, polo que se procede ao rescate do modo que se está facendo.
 
Diario de Ferrol.-

 
 
 

No hay comentarios: