30.11.12

CONCENTRACIÓN - 4 Decembro-12




A Plataforma dspf convoca unha

concentración en defensa da

sanidade pública .

 Venres, 30 de Novembro de 2012.

As preto de 50 entidades que integran a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrol -Pdspf- convocan para o vindeiro martes na praza Camilo José Cela -diante do edificio da Xunta- unha concentración en defensa da sanidade pública. Representantes deste colectivo, que engloba entidades culturais, veciñais, sindicatos, partidos políticos, ONGs, etc, presentaron onte esta convocatoria para o día 4 ao sete da tarde.
 
A privatización e o repago continúan sendo cuestións a reivindicar por este colectivo que se manifesta en contra das políticas "que nos quitan o dereito á saúde". A plataforma asegura que na recente investidura de Alberto Núñez Feijóo, o presidente anunciou que seguirá con "as mesmas políticas de desmantelamento da sanidade pública". Así, lembraron as políticas de colaboración público-privada que se anuncian para hospitais galegos que, auguran, "acabarán en privatización como sucedeu en Valencia e agora en Madrid". Lembran, así mesmo, o compromiso dos dous novos centros de saúde da Capela e Ares "que levan varios anos pendentes".

Por estas razóns, demandan nos orzamentos autonómicos para 2013 un compromiso de investimento real na área Sanitaria de Ferrol "lembrando que o Naval está infrautilizado por falta de persoal e medios" e unha potenciación da área de Atención Primaria.

Por todo isto, a Pdspf considera que as políticas neoliberais do PP levan á deterioración e descapitalización do sistema sanitario público, desmantelando "a universalidade, a equidade e a accesibilidade" ao sistema público sanitario.
Así, chaman á mobilización o vindeiro martes para evitar esta situación.
 
Diario de Ferrol.-
 
 

No hay comentarios: