O Concello decide recuperar a xestión
 
do centro comercial Porta Nova .
 Mércores, 19 de Decembro de 2012 00:00 
 redacción ferrol
 
  A comisión de Economía tomou onte a decisión de rescatar a concesión do centro comercial Porta Nova, que viña xestionando a empresa Ferrolterra Superficies Comerciais S.L., tras recibir o ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia. O concelleiro da área, Alejandro Langtry, explicou que a empresa está inmersa nun proceso concursal voluntario e esta situación faculta ao Concello a recuperar a concesión, tal como establece o prego de condicións.
Unha vez que a resolución do contrato reciba o visto e prace do pleno, leste mesmo venres, arbitrarase un prazo para que a empresa entregue as chaves e o Concello pasará a xestionar directamente o centro comercial.
  
O Concello espera así mesmo os resultados da auditoría encargada sobre Porta Nova para elaborar un novo prego de condicións e sacar a concurso as instalacións.
  
O goberno tamén rexeitou as alegacións presentadas polo Ateneo ao uso compartido do seu local, que Langtry resumiu dicindo que se basean en que "necesitan todos os metros cadrados habidos e por haber, que teñen unha chea de servizos e que é un aforro que eles estean alí  e ocupen todo o edificio, pero nós non o vemos así".
O edil insistiu en que o Concello ten que aforrar porque está a pagar moitos alugueres de entidades e hai que sacar o máximo rendemento aos edificios públicos. "Hai sitio para todos", sentenciou
 
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario