6.9.08

PROGRAMACION C.C.CARVALHO CALERO-2008

A música e o teatro chegan ó Carvalho Calero e ó Centro Cívico de Caranza.






O Centro Cívico de Caranza e o Centro Cultural Carvalho Calero acollerán ata finais de ano tres novos ciclos culturais, dous adicados á música e un ás artes escénicas.


Así o anunciou onte a concelleira de Cultura, Yolanda Díaz, quen explicou que con esta aposta o seu departamento pretende “iniciar o proceso de descentralización da Cultura botando man dos centros culturais da cidade”.

Así mesmo, Díaz sinalou que ademais de achegar a cultura a todos os barrios da cidade outro dos obxectivos que persegue esta iniciativa é “que o resto da cidade se desprace ata os diferentes centros para poder desfrutar dos ciclos”. Por último, Yolanda Díaz agradeceu a colaboración das diferentes asociacións veciñais á hora de sacar adiante estes proxectos.

Ó Centro Cultural Carvalho Calero, no barrio do Inferniño -o que maior número de inmigrantes acolle de toda a cidade-, chega esde esta tarde o programa “Músicas Migratorias”, un proxecto “multicultural para integrar tendencias migratorias”. Nel participarán artistas de diferentes nacionalidades.


O grupo brasileiro Café Forte será o encargado de abrir ás oito da tarde o ciclo que continuará con tres actuacións máis ata decembro.


“Inferniño Circus” é a segunda proposta que chega ata o Carvalho Calero.


Trátase dun proxecto de carácter interdisciplinar dirixido principalmente a un público infantil. Nos dous casos a entrada será gratuíta.
A música jazz será a protagonista no Centro Cívico de Caranza. Alí chega a partir do 13 de setembro “Caranza Jazz”, un programa musical no que segundo anunciou Yolanda Díaz “é unha boa oportunidade para iniciarnos no jazz”, xa que nel participarán “músicos de primeira magnitude” sinalou a concelleira. Os concertos ao igual que nos casos anteriores serán sábados alternos e terán carácter gratuíto.


Ademais, neste mesmo espazo continuará o ciclo de teatro afeccionado “Domingos a escena”.
Biblioteca


A última das propostas de Cultura ubícase na Biblioteca Municipal. Alí, desenvolverase un taller de banda deseñada impartido por Kiko Dasilva, Fran Nuevo, Siro López e Xaquín Marín. Serán obradoiros teórico-prácticos de cinco sesións de duración. As clases comezarán o vindeiro xoves, día 11, ás 19.30 horas e terán un periodicidade semanal. Para participar nestes obradoiros de carácter gratuíto non é preciso inscribirse previamente. Con esta iniciativa a Concellería de Cultura quere, segundo explicou Yolanda Díaz, “poñer en valor esta arte”.


MÚSICAS MIGRATORIAS NO CARVALHO CALERO

Ritmos multiculturais
O grupo Café Forte chegado dende Brasil será o encargado de inaugurar esta tarde o ciclo “Músicas Migratorias”.

A formación nace coa intención de amosar unha música con cualidade armónica rítmica, que amosa un novo aspecto da música popular do Brasil, pouco explorada en Galicia, o “forró”, unha melodía que parte da mistura de influencias africanas e europeas.


O concerto será a partir das oito do serán.
O 4 de outubro a coruñesa Lucia Aldao collerá o relevo para dar un concerto onde a música brasileira, a dos anos 70 e 80 e a actual fusiónanse.
Case un mes despois actuará o grupo vocal Aisis creado en 1987 coa idea de cultivar un estilo musical escasamente practicado, cun repertorio que abrangue desde o madrigal renacentista até as obras dos máis importantes compositores contemporáneos.

O ciclo pechase o 6 de decembro coa orquestra de acordeóns Lembranzas formada por alumnos do Xan Viaño.
INFERNIÑO CIRCUS NO CARVALHO CALERO

Teatro, malabares e circo

Unha representación de Katarsis
Haberá que esperar ata o 20 de setembro para poder desfrutar do primeiro espectáculo incluido dentro deste ciclo.
Será a cargo da compañía Katarsis que achegará o seu espectáculo “Pacama” para rapaces a partir de dous anos.

O teatro xestual, a danza, as acrobacias e os malabares chegarán o día 18 de outubro con Fredi, un personaxe un tanto especial que precisará da axuda dos nenos da público para resolver os seus problemas.


O 22 de novembro chegará ata o Inferniño a obra gañadora do Festival Internacional de Clown 2006, “Concerto Bífido” de San & San. Trátase dun espectáculo cómico a base de “sketches” sobre o mundo da música clásica que mistura o clown e a fantasia do teatro do absurdo.
A compañía de Ferrol Mariclown pechará o ciclo o 20 de decembro coa súa obra “ A vida de Rosa... día tras día”, escrita por Lino Braxe e Marta Villar e gañadora de varios premios.


Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: