7.9.08

INGRESOS DAS FAMILIAS







Os ingresos dos fogares na comarca de Ferrol, por debaixo da media galega .


Os ingresos dos fogares galegos medraron no 2007 o 7,25%







C. CARBALLEIRA
MONTSE MAYORAL > FERROL

A “Enquisa de condicións de vida das familias” elaborada polo Instituto Galego de Estatística para o ano 2007 sitúa os ingresos dos fogares da comarca de Ferrol en 1.909 euros ó mes, por debaixo dos 1.923 da media galega e por detrás dos que se rexistran nas áreas de Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo.
No pasado ano 2007, os fogares galegos viron aumentar os seus ingresos monetarios netos, respecto ó anterior 2006, nun 7,25%. Pasou de 1.793 a 1.923 euros, e as unidades familiares mellor paradas foron as da provincia da Coruña, na que se chegou a 2.036 euros mensuais.
A “Enquisa de condicións de vida das familias” divide o mapa galego en áreas.
Na provincia coruñesa debuxa cinco: as das comarcas de Coruña, Santiago e Ferrol -as máis pobladas por esa orde- e as que chama da Coruña occidental e oriental, correspondentes á franxa de litoral e do interior, respectivamente, que quedan fóra das antes citadas.
A área da capital galega vai en cabeza, con 2.498 euros por fogar, seguida da comarca da Coruña cidade, con 2.213.
Na provincia, Ferrol ocupa o terceiro lugar da lista, porén baixa ó sexto posto no ranking de áreas galegas, ó situarse despois que Pontevedra -2.195 euros-, Vigo -2.095- e Lugo -1.048-. Cómpre sinalar que o 19,54% das familias galegas viven cuns ingresos de entre 1.000 e 1.500 euros e que cerca do 55% percibe unha cantidade maior.
O 16,37% dos fogares ingresan máis de 3.000 euros mensuais.
Segundo os parámetros xeralmente empregados neste tipo de informes, considérase que en 2007 o limiar da pobreza estaba en 571 euros para un fogar unipersoal; en 857 para un formado por dous adultos, etc.
Na comunidade, a taxa de risco de pobreza mantense como en anos anteriores, no 14,56% e a comarca de Ferrol, neste caso, presenta unha taxa do 11,02%, que mellora a media galega.
É maior cá da comarca da Coruña cidade e a de Santiago, aínda que está por debaixo da de zonas que gañaron en ingresos, como son Pontevedra, Vigo e o entorno da capital luguesa.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: