3.5.12

RESCATE do CENTRO COMERCIAL PORTA NOVA.-



Fesuco entra en concurso de

acredores e facilita o rescate

do centro Porta Nova .

Xoves, 03 de Maio de 2012.

c.r.c. > ferrol
O rescate do centro comercial Porta Nova do Inferniño por parte do Concello é practicamente un feito. Así o indicou onte o responsable de Economía no Concello, Alejandro Langtry, que anunciou que a empresa Fesuco, encargada desde o ano 1999 da xestión deste espazo comercial integrado por máis dunha vintena de establecementos, entrou en concurso de acredores -a antiga suspensión de pagos-.

Desde o Concello mantivéronse reunións cos responsables desta firma co fin de proceder ao rescate da concesión por mutuo acordo, tendo en conta que a empresa acumula débedas de ata 500.000 euros e non pode facer fronte a esta contía nin ao mantemento que supón o centro comercial do Inferniño

Alejandro Langtry, que onte mantivo un encontro con representantes da asociación veciñal O Rosario-Inferniño e con comerciantes de Porta Nova, indicou que o rescate efectuarase en canto o Concello reciba a comunicación do Xulgado de admisión a trámite do concurso de acredores por parte da empresa. Unha vez liquidado o procedemento requirido para facer efectivo o paso a mans do Concello da xestión do centro comercial, a intención do goberno local é sacalo novamente a concurso.

O concelleiro de Economía recoñeceu que precisamente esta entrada en concurso de acredores é a fórmula máis rápida para dar solución a este problema, xa que se poderá rescatar sen problema algún a xestión, á vez que garante que o Concello poida convocar un novo concurso e se mellore, deste xeito, un centro comercial totalmente deficitario e que non mellorou, senón todo o contrario, as condicións co paso dos anos.

Langtry informou aos comerciantes desta situación e confirmou que os establecementos que están abertos e en funcionamento poderán continuar coa súa actividade normal ata que se poñan en marcha os novos plans do goberno local. Neste impass o Concello será o encargado da xestión e mantemento das instalacións do centro comercial.

Desde a entidade veciñal -á reunión acudiu, entre outros, o vicepresidente Miguel Castro- e desde a representación de comerciantes de Porta Nova mostrouse a conformidade con este rescate, xa que precisamente é o que levan demandando desde fai moito tempo, debido ao total abandono que sofren por parte da empresa xestora.

O Rosario-Inferniño critica o tempo que pasou e a falta de atención prestada polos distintos gobernos municipais, xa que a situación arrástrase desde fai unha década.

Garantías no concurso .-
 A "quebra técnica" da empresa facilitará un novo concurso no que os comerciantes queren ser parte implicada, por iso solicitan ao goberno local ter garantías de que se esixirá ás empresas solvencia para facerse cargo do centro comercial "desde o Concello indicóuselles que xa hai firmas interesadas". Así, os comerciantes reclaman fianzas e participar no procedemento de concesión en canto a que poidan coñecer o prego de condicións establecido no concurso. A entidade veciñal actuará como mediadora e en menos de dez días está previsto que manteñan unha reunión para elaborar unha serie de peticións que se trasladarán ao Concello a este respecto.

O centro comercial de Porta Nova, que ocupa uns 16.000 metros cadrados, abriu as súas portas a finais do ano 1995 e a sociedade Fesuco é a segunda empresa que o xestiona, desde o ano 1999. Ata esa data o centro estivo en mans de Gepersa.

Aínda que nun principio a maioría dos locais -uns 25- estaban ocupados e tiñan unha boa facturación e varios empregados, as dificultades económicas e a mala xestión das empresas concesionarias fixo que se chegou a contar con só sete establecementos abertos. Moitos dos locais baleiros xa foron rescatados tamén polo Concello.

Desde a Asociación O Rosario-Inferniño critícase, ademais da mala xestión, a "especulación" que se fixo impedindo ata a apertura neste centro a importantes marcas que no seu día estiveron interesadas en abrir locais nesta zona comercial de Ferrol.


Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: