NOVOS DATOS DO INSTITUTO NACIONAL DE ESTATÍSTICA.
A maioría dos municipios da zona perdeu
poboación no último ano Ferrol sitúase en
74.273 habitantes, segundo o INE.
J. Meis REPORTAXE DE P.R.C.

Só catro concellos da comarca contradin a tendencia xeral de descenso poboacional que continúa sendo protagonista nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
En Narón, o número de veciños crece un 1,9%.
En Ferrol segue o descenso, cun 0,6%. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, actualizados a data do 1 de xaneiro de 2009, reflicten que a provincia da Coruña gañou poboación no último ano, aínda que non de xeito significativo, xa que pasou de 1.139.121 persoas a 1.145.488, é dicir, un incremento de apenas 6.367 persoas ao que, con todo, non contribuíron as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Nesta zona, a tónica xeral é que os concellos perdan poboación, aínda que non o fan de xeito demasiado significativa. Así, a pesar de que son dezasete os municipios nos que descende o número de habitantes, fronte a catro nos que crece, practicamente compénsanse as cifras nun e outro caso e pode dicirse que nas tres comarcas o descenso poboacional é de 134 persoas.
Os concellos nos que subiu a poboación no último ano son os de Cabanas, que pasou de 3.287 persoas a 3.336; Narón, de 37.008 a 37.712; As Pontes, de 11.384 a 11.431 e Vilarmaior, de 1.289 a 1.294.
Como se pode observar o aumento é de escasa contía. A cifra máxima absoluta é de 704 habitantes no caso do municipio naronés, que porcentualmente tradúcese nun 1,9%.
A continuación figura en incremento poboacional Cabanas, onde aínda que só hai 49 habitantes máis a porcentaxe é do 1,49%.
Máis preocupantes son os descensos, especialmente no caso da cidade de Ferrol. A perda de habitantes é de 423, o que dá continuidade a unha longa lista de anos de caída poboacional que deixou á cabeceira de comarca con pouco máis de 74.000 habitantes (74.273).
Porcentualmente supón tan só un 0,6%, unha cifra moi similar á que perdeu entre o 1 de xaneiro de 2007 e 2008, cando se produciu un fito negativo na cidade, o descenso por baixo dos 75.000 habitantes.
Pero é que en 2006 Ferrol tiña 76.399 persoas, en 2005; 77.155 e en 2000 81.225.
É dicir, que nos últimos nove anos o descenso poboacional de Ferrol situouse en máis de sete mil persoas.
Aínda que a sangría parece haberse contido nos últimos anos, as cifras seguen sendo negativas e esta é unha das preocupacións dos sucesivos gobernos locais. Ao actual acaba de achacarlle o PP, precisamente, o continuo descenso de poboación, fronte á situación inversa que se rexistra en Narón onde, en termos absolutos, o aumento poboacional é moi superior á baixada que se produce en Ferrol.
Ortigueira e Pontedeume son outros dous municipios da comarca onde se rexistra unha perda poboacional en función dos últimos datos do INE, e en ambos os casos por encima do centenar de persoas.
En Ortigueira o número de habitantes decreceu en 161 veciños, pasando dos 7.311 que eran o 1 de xaneiro de 2008 aos 7.150 de 2009.
Porcentualmente esta cantidade representa un 2,2%. No caso de Pontedeume pasouse de 8.561 a 8.457 habitantes, o que representa unha porcentaxe do 1,3%.
Estes dous municipios, polo tanto, rexistran unha maior perda poboacional que Ferrol. Tamén concellos máis pequenos padecen un importante decenso no número de veciños. É o caso de Monfero, onde a porcentaxe elévase ata o 2,3%.
Mulleres e homes >
Polo que respecta á división poboacional en función do sexo, na provincia son maioría as mulleres (594.647 fronte a 550.841 homes), o mesmo que na maior parte dos municipios das tres comarcas. Só en dous deles invístese esta tendencia: en Cedeira hai 3.736 homes fronte a 3.729 mulleres e en Monfero1.164 e 1.135 respectivamente.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario