Rúas Pintor Bello Piñeiro e Río Lérez
córtanse ao tráfico por obras.

Daniel Alexandre REDACCIÓN > FERROL
O Concello de Ferrol anuncia que, a partir do día de hoxe, levarán á práctica as obras de reposición e mellora de aglomerado previstas para as Rúas Pintor Bello Piñeiro e Río Lérez, ambas as situadas no barrio do Ensanche A.
O orzamento necesario para a realización dos traballos corre a cargo do Plan Estatal de Investimento Local e, tal e como se informa desde a administración local, con ambas as intervencións tamén finalizan os proxectos de asfaltado previstos ata o momento.
Por iso, a modo de balance, recórdase que as actuacións realizadas responden a unhas demandas veciñais previas e, ademais, xustifícanse en base á necesidade de atallar un máis que evidente estado de deterioración dalgunhas rúas do municipio, tanto das que están na zona rural como na urbana.
No entanto, a consecuencia máis inmediata das obras non será a mellora da pavimentación senón o feito de non poder circulan pola zona comprendida entre a estrada de Castela e a rúa Río Xuvia, no caso da travesía Pintor Bello Piñeiro, e desde a praza do Inferniño ata Pintor Bello Piñeiro, no tocante á rúa Río Lérez.
Tal e como se advirte desde o goberno municipal de Ferrol, este dispositivo unicamente será permeable para propietarios e usuarios de garaxes situados en ambas as rúas do barrio do Ensanche A.
Desde o consistorio ferrolán tampouco se concreta o tempo previsto para a duración dos traballos que darán comezo na mañá de hoxe.
Diario de Ferrol.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario