20.9.09

PLANO MOBILIDADE - EIXOS COMERCIAIS.

O Concello traballará na potenciación de

oito eixos comerciais na cidade naval

REDACCIÓN > FERROL
As novas actuacións urbanísticas e de mobilidade exponse no novo plano de espazo público de Ferrol como a solución para dar continuidade a unha serie de eixos comerciais cos que conta actualmente a cidade pero que se atopan suturados ben por vías de transporte ou por concepcións urbanísticas que non favorecen o fluxo peonil.
Aínda que as actuacións exponse a prazos máis ou menos longos, para un horizonte temporal intermedio preténdese vertebrar a rede comercial unindo os eixos secundarios -barrios periféricos- cos principais do casco histórico e estrada de Castela.
Deste xeito, o Plano de Mobilidade elaborado pola Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona por encargo do Concello ferrolán divide a cidade en oito eixos comerciais expondo solucións para cada un deles, encamiñadas a dar coherencia a espazos hoxe fracturados.
Os eixos sobre os que habería que actuar son Porta Nova-Barrio da Magdalena, Catabois-Magdalena-estrada de Castela, Ultramar-Castela, Angustias-Magdalena, Esteiro-Ultramar, Nicasio Pérez, Porta Nova e rúa Alegre.
O primeiro dos eixos conectaría a rúa comercial de Castela e o centro comercial Porta Nova coa Magdalena, onde se concentra a maior actividade da cidade. Esta conexión faríase mediante a potenciación dunha zona peonil en Alcalde Usero.
Deste xeito, fomentaríanse novas actividades de diversificación da oferta comercial.
Para o eixo que vai de Catabois ao centro preténdese, a través da urbanización da rúa Virxe da Cabeza ata a avenida do Rei, estimular a actividade económica do futuro desenvolvemento de Sánchez Aguilera, cunha nova praza peonil resultado do retranqueo da estación de trens.
Na zona do acuartelamento tamén está previsto un gran centro comercial, que ampliaría a oferta da zona.
Para achegar o barrio de Ultramar á estrada de Castela, exponse crear un eixo que dea saída ás rúas comerciais próximas á praza, a través da rúa Perú e Chile. Para favorecer o fluxo peonil proponse potenciar nesta liña a rúa Uruguai que conduza desde a praza ata o parque Pablo Igresias.
A influencia que exerce o campus universitario de Esteiro podería actuar, así mesmo, como precursor da dinamización económica. Por iso as propostas encamíñanse a promover novas actividades e a diversificar a oferta comercial e de lecer no ámbito, sobre todo, da rúa Españoleto.
A conexión entre Esteiro e Ultramar baséase na prolongación do eixo comercial da avenida de Esteiro ata a estrada de Circunvalación, de modo que a través da senda urbana que pasa polo parque de Pablo Igresias póidase empalmar coa zona de Ultramar, configurando así un enlace circular por Alcalde Usero, Españoleto, avenida de Esteiro e Sánchez Calviño.
Outra das propostas da Axencia de Ecoloxía Urbana (o que sería o sexto eixo) pretende acabar co illamento do complexo da Gándara.
Para estimular a actividade na avenida, entre Castela e trincheira, preténdese ensanchar as beirarrúas ata Concepción Areal e peonalizar as vías de servizo.
Dinamizar o mercado de Porta Nova, actualmente en declive, e a rúa Alegre completan as propostas destas zonas comerciais.
Con respecto a este viario do barrio de Canido, proponse crear un novo espazo comercial ao longo da rúa Alegre co fin de proporcionar ao barrio e á zona dos Xulgados dunha oferta máis ampla. Isto tamén facilitaría aos seus habitantes o acceso ao comercio de proximidade sen ter que desprazarse a outros ámbitos máis afastados.
Así, con establecementos diversificados que atraian o fluxo peonil e con actividades asociativas e culturais melloraríase notablemente a calidade urbanística da área e atraeríase a un amplo abanico de poboación a estas zonas hoxe máis abandonadas.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: