1.9.09

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA - 25 ANOS NOS CONCELLOS.-


A ENTRADA DA LINGUA PROPIA
NA ADMINISTRACIÓN LOCAL

Cando chegou o galego ao
Concello de Ferrol?

JORGE MEIS
REPORTAXE DE DUARTE ROMERO VARELA

A “Declaración dos alcades galegos sobre o uso do idioma na administración local” foi un documento asinado en 1984 por rexedores de distintas cidades e vilas da comunidade.
No texto falábase da importancia de avanzar na galeguización dos concellos e serviu de inspiración para toda a lexislación en materia de lingua a nivel municipal que veu a continuación. Ferrol foi unha das urbes que asinou este manifesto, pero houbo que agardar até os anos 90 para ver os primeiros textos legais que camiñasen cara a plena normalización do galego.
No periodo anterior só había iniciativas de carácter individual por parte de concelleiros e funcionarios.

A lingua galega pasou, ao longo da súa historia, por algunhas etapas de esplendor e normalidade, e por moitas de discriminación. Foi a partir da chegada do Estado das Autonomías, e sobre todo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983, cando se admitiu de xeito oficial que existía unha “anormalidade” a respecto do status do galego.
A partir de aí, diferentes institucións comezaron a levar adiante políticas co obxectivo de mellorar o consideración da nosa lingua e aumentar a súa estensión social.

Neste ano 2009 cúmprense o 25 aniversario dun feito relevante na chegada das políticas de normalización lingüística aos concellos.
Foi a chamada “Declaración dos alcaldes galegos sobre o uso do idioma na administración local”.
Neste texto sinalábase, entre outras cousas, a necesidade de constituír servizos de normalización lingüística en cada municipio e de impulsar a galeguización integral da administración.
As consecuencias deste documento fóronse vendo nos anos seguintes a través de leis como a de Uso do Galego nas Entidades Locais de 1988.

O mesmo ano da “Declaración dos Alcaldes” tamén foi cando se comezou a facer unha planificación seria de política lingüística en dous concellos galegos: Redondela e Fene.
Ámbolos dous modelos foron imitados por outras localidades.

En Ferrol .-
A cidade departamental foi un dos concellos asinantes da declaración, malia todo, a súa influencia non cristalizou até principios dos noventa.
Concretamente, no ano 91 introduciuse no convenio dos traballadores do concello un capítulo dedicado aos seus dereitos lingüísticos. Ao ano seguinte chegou a primeira ordenanza municipal de normalización.

Houbo que agardar até 1995 para que a corporación municipal decidise crear un Gabinete de Normalización Lingüística (GNL).
Nona Inés Vilariño foi a concelleira que encabezou este proceso. Lembrando aquel tempo afirmou que a creación do gabinete “respondía á convicción profunda que tiñamos de promocionar o galego”. Con todo, matizou que camiñar nesta dirección “é perfectamente compatible co bilingüísmo harmónico” e que, “salvo posicionamentos extremistas, as medidas que tomamos tiveron boa acollida”.

Por aquela entón, o GNL dependía da Concellaría de Cultura, só traballaba unha persoa e carecía de dotación orzamentaria propia. Malia estas limitacións, compría iniciar o proceso de galeguización dos documentos e formar ao funcionariado.
Segundo Beatriz Bascoi, técnica do GNL, “nos tres anos seguintes avanzouse moitísimo, practicamente toda documentación traduciuse ao galego e os funcionarios asistiron masivamente aos cursos formativos”.

A partir de 1998, o GNL deixou de ter actividade a pesar de que no ano anterior se acababa de publicar unha nova ordenanza municipal de lingua que ampliaba a do 92.
Houbo que agardar até o ano 2000 para que se volvese a activar. Nesta época créase unha praza de técnico de carácter permanente e por primeira vez o GNL conta cun orzamento propio.
Xaime Bello, o rexedor durante este periodo, destacou que “se adscribíu o GNL á alcaldía para poder levar adiante actuacións máis transversais”.

O seguinte goberno municipal foi de signo “popular” e o GNL pasou a depender de educación. Segundo José Manuel Rey, concelleiro naquela corporación, “continuouse desenvolvendo o plano de normalización lingüística, que foi aprobado por unanimidade, con iniciativas como o Correlingua”. Ademais, fixo fincapé en que “sempre houbo reaccións positivas ás actuación prácticas”.

Plano .-
Un dos grandes avances en materia de lingua que se produciu nos últimos anos, foi a aprobación en 2003 do Plano de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol (PNLF).
Este proxecto é froito dun proceso participativo no que estiveron presentes tanto os grupos políticos da cámara municipal, como representantes de organizacións sociais de todos os eidos posibles. En total participaron 147 persoas.
O resultado é un texto consensuado por organismos políticos e sociais que fixa uns obxectivos realistas e as liñas a desenvolver para acadalos.
Previamente á elaboración do PNLF, constituíuse o Consello Muncipal da Lingua (CML), un organismo de participación cidadá que serve para colaborar co Concello na elaboración da súa política lingüística.
Segundo Beatriz Bascoi, “é un dos consellos municipais con maior actividade”.
Na actualidade, o Gabinete de Normalización Lingüística depende da Concellaría de Participación Cidadá, pola que xa pasaron dous titulares nesta lexislatura: Javier Galán, de Esquerda Unida e Manuel Santiago, do PSOE.
Unha das prioridades que nesta materia tiveron ámbolos dous concelleiros foi a reactivación do CML ao crear grupos de traballo nos sectores socioeconómico e sociocultural. Santiago indicou que, seguindo as directrices do PNLF, está previsto levar adiante iniciativas nos dous sectores.
Na pasada semana convocáronse axudas económicas para a galeguización dos webs das sociedades deportivas e nos vindeiros meses realizarase unha campaña de sensibilización nos mercados municipais.
O concelleiro afirmou que teñen boas expectativas xa que “a xente reacciona en positivo e adoita colaborar con este tipo de iniciativas”.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: