16.5.09

LETRAS GALEGAS- 2009

Concello e entidades veciñais e culturais se
unen para celebrar o Día das Letras Galegas

Venres, 15 de maio de 2009


O acto cidadán terá lugar mañá sábado, ás 20.30 horas, no Jofre e nel se conxugarán a danza, o cine, a música e a obra de Piñeiro. Os cidadáns que desexen participar na conmemoración poden retirar invitación na taquilla do teatro. O alcalde, Vicente Irisarri, compromete o esforzo do Concello para lograr que se adique esta data a Ricardo Carvalho Calero

Por segundo ano consecutivo, Concello e entidades veciñais e culturais se unen para conmemorar o Día das Letras Galegas en Ferrol. Este ano, adicadas a Ramón Piñeiro. A cita terá lugar mañá sábado, a partires das 20.30 horas, no Teatro Jofre, no que se espera sexa un acto multitudinario. A programación prevista contribuirá, de seguro, a que así sexa, como destacaron na súa presentación o alcalde, Vicente Irisarri; os concelleiros de Cultura, Mercedes Carbajales, e Participación Cidadá, Manuel Santiago, e a presidenta da asociación de veciños Cuco Ruiz de Cortázar de Caranza, María Pilar Rodríguez Venancio, en representación das entidades veciñais. Para asistir ao mesmo, os cidadáns poden recoller a súa invitación na billeteira do Teatro Jofre, en horario de 11 a 13 horas e de 18 a 20 horas.

O acto cidadán previsto no Teatro Jofre conxuga todas as artes. Dende a danza ata a música, pasando polo cine. E, nela, se procurou en todo momento contar cos artistas da terra, tal e como subliñou Mercedes Carbajales. Así, será o pintor Eduardo Hermida, implicado na actualidade no proxecto pictórico para cubrir os baixos da praza de Armas coa visión dos estudantes de Ferrol, o encargado de conducir a gala.
Tras a súa presentación subirá ao escenario a edil de Cultura para dirixirse ao auditorio, intervención que precederá a actuación musical do grupo ferrolán Roger de Flor. Carlos Fernández, autor de “O vento do espírito.
De Vicente Risco a Ramón Piñeiro”, será o encargado de facer unha semblanza de Ramón Piñeiro.
A continuación, a danza se apoderará do teatro coa actuación de Cristina Montero.
No ecuador da gala, Xosé Miguel López, en nome das asociacións veciñais, dará lectura a un texto sobre o valor e importancia da participación cidadá.
A continuación, o director Rubén Coca presentará o audiovisual “A princesa Alegría”, recoñecido na VII Edición Mestre Mateo.
O presidente de honra da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Pazos, intervirá de seguido en nome da entidade.
E, finalmente, o alcalde da cidade, Vicente Irisarri, ofrecerá o discurso de peche.
O acto rematará coa interpretación do himno galego a cargo do alumnado do Conservatorio Superior de Música de Ferrol.

Así as cousas, Vicente Irisarri destacaba a importancia da gala, unha oportunidade para reafirmarnos no amor pola nosa terra e as súas sinais de identidade. Reafirmación que, segundo explicou, non pode quedarse nun só día, senón que debe acompañar a todos os cidadáns e cidadás ao longo do ano. Neste senso, apuntou que precisamente ese é un empeño das concellerías de Cultura e Participación Cidadá que cobra maior protagonismo ou visibilidade, iso si, en certas datas como a do Día das Letras Galegas. Neste punto, confiou en que esta data se adique no 2010 a Ricardo Carvalho Calero. Unha meta na que traballa tamén o Concello.

Pola súa banda, Manuel Santiago subliñou o peso das entidades veciñais na organización da gala do sábado e mostrou a súa confianza en afianzar, ano tras ano, esta cita no calendario, convertíndoa na referencia indiscutible dos actos que se celebren en Ferrol con motivo do Día das Letras Galegas. Así mesmo, María Pilar Rodríguez Venancio considerou un pracer poder demostrar que o tecido asociativo de Ferrol está máis vivo que nunca e, tamén, máis unido que nunca. Destacou a súa capacidade para tomar decisións en conxunto con celeridade e, sobre todo, cun obxectivo: facer cidade. Confiou en que o público responda positivamente ao acto e, ao igual que os representantes do goberno municipal, animou a toda a cidadanía a acudir este sábado ao Teatro Jofre.
Ferrol.es

No hay comentarios: