4.7.12

FESUCO pide agora indemnizacións...

A empresa Fesuco solicita unha indemnización ao Concello para ceder a xestión de Porta Nova .

 Mércores, 04 de Xullo de 2012 00:00

 lorena romeu
 ferrol.
 A empresa concesionaria da xestión da área comercial de Porta Nova, Fesuco, oponse ao rescate, por parte do Concello, das instalacións. Así o confirmou o edil de Economía, Alejandro Langtry, que indicou que os representantes da compañía presentaron un recurso no que mostran o seu rexeitamento á proposta formulada hai unhas semanas polo goberno local para tratar de reflotar o centro comercial.

A débeda que desde hai varios meses mantén Fesuco coa administración ferrolá ascende a 500.000 euros, como se indicou desde o Concello.

O responsable da área de Economía do equipo de Rei Varela sinalou que no recurso presentado pola empresa, os representantes da mesma solicitan ao Consistorio unha indemnización por deixar de xestionar o centro comercial Porta Nova.
Na mañá de onte celebrouse unha reunión nas propias instalacións, á que asistiron comerciantes das instalacións e persoal de Fesuco, e na que estes últimos xa comunicaron, segundo fontes consultadas por este diario, que "non entregan voluntariamente nada porque entenden que teñen moito que gañar e nada que perder". Así as cousas, o goberno local xa anunciou que tomará cartas no asunto para pór fin a un proceso no que, segundo incidiuse desde o Consistorio, os principais prexudicados son os comerciantes.
Nos próximos días, tal como asegurou o concelleiro Alejandro Langtry, solicitarase un informe ao Consello Consultivo "para recuperar a área de Porta Nova". O máximo responsable de Economía no Concello confía en recuperar canto antes as instalacións aínda que lamentou que o feito de que Fesuco non acepte o rescate dilatará o proceso no tempo.

Concesión

O Concello ferrolán adxudicou no ano 1999 á empresa Fesuco a xestión da área comercial de Porta Nova. Agora o goberno local prevé axilizar o expediente que lle permitirá recuperar as instalacións para, posteriormente, proceder a sacar novamente a concurso a xestión do centro. Os comerciantes que operan no local "están ocupados menos dunha decena do vinte postos dispoñibles" xa advertiron ao Concello da necesidade de que a empresa que resulte concesionaria do servizo presente solvencia económica, esixindo as pertinentes fianzas á compañía para evitar futuros problemas.

O centro comercial Porta Nova inaugurouse no ano 1995 e a firma Gepersa asumiu a xestión. Problemas económicos obrigaron ao goberno local a sacar de novo a concurso o servizo, uns trámites que agora terá que realizar por terceira ocasión desde a inauguración das instalacións.
Diario de Ferrol.-


No hay comentarios: