24.6.12

Parcelas abandonadas.-

A A. Veciñal O Rosario-Inferniño

esixe a limpeza de parcelas.


 Domingo, 24 de Xuño de 2012.
 lorena romeu
ferrol
A Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño denunciou publicamente o estado de abandono que presentan algunhas parcelas localizadas no barrio. O colectivo menciona nun escrito -que prevé presentar a próxima semana no rexistro do Concello- os casos dun terreo situado na Rúa Pintor Pérez Villamil, nas inmediacións do Hotel Hesperia, e outra nas proximidades da estrada de Castela, xunto ás casas de Cachaza. Trátase dos dous exemplos, indican, máis relevantes pero non dos únicos nos que se evidencia a falta de limpeza.

A entidade veciñal de O Rosario-Inferniño esixe a intervención dos responsables municipais para solucionar o problema. Respecto diso, desde a A.Veciñal inciden en que tanto os propietarios dos terreos como os representantes do equipo de goberno ferrolán teñen unha serie de obrigacións, os primeiros en materia de conservación das súas parcelas e os segundos, lembraron, no cumprimento da normativa na que se regula o estado en que deben manterse esas propiedades.

Nalgúns casos as parcelas non teñen maleza pero acumulan unha gran variedade de restos, o que as converte, aseguran, en "vertedoiros incontrolados" en pleno centro da cidade.

A situación complícase naqueles casos nos que, ademais de restos, a maleza invade as propiedades, converténdose nun foco de infeccións. Desde a entidade veciñal O Rosario-Inferniño alúdese especificamente ao caso dunha superficie localizada na zona de Río do Tronco, xunto ao  colexio Belén, onde as ratas, denuncian, campan ás súas anchas.

Diario de Ferrol.-


No hay comentarios: