20.1.11

EXPOSICIÓN CARVALHO CALERO.-

O Concello invita aos centros educativos a

solicitar a través de www.ferrol.es  ,

unha visita guiada á mostra Carvalho Calero,

de Ferrol para o mundo.

Xoves, 20 de xaneiro de 2011.-
As peticións deberanse remitir ao Negociado de Educación tras cubrir a solicitude que se pode descargar na web municipal. A edil Mercedes Carbajales anuncia que se poderán facer de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e incluirán un percorrido pola mostra e/ou o visionado de vídeos sobre o ilustre ferrolán. A mostra clausurarase o vindeiro 5 de febreiro e forma parte do calendario de iniciativas organizadas polo Concello para conmemorar o centenario do seu nacemento en 2010

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Educación, invita aos centros de ensino da cidade a solicitar unha visita guiada á exposición biobibliográfica “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo”, inaugurada este martes no Centro Cultural Carvalho Calero polo alcalde, Vicente Irisarri. Para iso é necesario acceder á web municipal www.ferrol.es/90-36educacion.aspx e cubrir a solicitude correspondente, que se deberá remitir por fax ao Negociado de Educación ao número 981 945 110. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Educación, Mercedes Carbajales, quen informou de que os centros interesados deberán cursar a súa petición facilitando os datos do mesmo, o alumnado co que se traballará a temática da mostra, o número de estudantes e profesores que acudirán á actividade, a data e banda horaria de preferencia.

E a este respecto, avanzou que estas visitas guiadas se poderán facer de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e inclúen tres posibilidades: ver a exposición, que se clausurará o vindeiro 5 de febreiro, visionar os vídeos temáticos sobre aspectos da vida e obra de Ricardo Carvaho Calero ou ambas as dúas opcións -isto deberase especificar nas solicitudes-. E ao fío disto, a edil lembrou que o público en xeral pode visitar esta exposición de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00, de luns a sábado.

“Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo” inclúese no calendario de actividades deseñadas polo Concello de Ferrol para conmemorar o centenario do nacemento de Carvalho Calero en 2010 e, con ela, preténdese lembrar e pór en valor a figura do intelectural e profesor ferrolán. Para a súa montaxe contouse coa colaboración de familiares de Carvalho Calero, da Biblioteca do Parlamento Galego -que cedeu manuscritos e libros do homenaxeado- e da TVG, que aportou material audiovisual. A exposición está integrada por libros, fotografías, escritos, documentos sobre diferentes etapas da vida do pensador ferrolán ou obxectos persoais como plumas, un bastón, o seu birrete, a súa medalla de membro da Real Academia Galega, un reloxo de pulseira ou un chisqueiro, entre moitos outros.

A exposición consta de diversos paneis con información relacionada coa biografía de Carvalho Calero, estruturados cronoloxicamente. Estes preséntanse baixo os títulos “1910-1926. Ferrol: nacemento, infancia e mocidade”; “1926-1932. Universitario en Santiago de Compostela”; “1932-1936. Ferrol e a República”; “1936-1941. Guerra Civil e cárcere”; “1941-1950. Regreso a Ferrol”; “1950-1965. Vida e traballo en Lugo”; “1965.1980. Profesor na Universidade de Santiago”; “1980-1990. Esperar contra toda esperanza”; “1990. Benvido á inmortalidade”; “Adicatorias a Carvalho Calero”, “Obra Póstuma, estudos e homenaxes” e “2010. Centenario desde o Concello de Ferrol”.

Respecto á relación de vídeos que compoñen a dita exposición, estes teñen unha duración aproximada de hora e media e a súa temática é variada. Trátase dun dotal de dez audiovisuais emitidos, a meirande parte deles, pola TVG. Entre eles, “Intervencións en A trabe de ouro”, en 1987; “Galegos de Honra”, emitido en 2003; “Biografía no programa As de ouros”, do ano 1990 ou “Intervencións en A dúas bandas”, de 1987. Así mesmo, pódense ver vídeos sobre o 60 aniversario do Colexio Fingoi de Lugo, onde Carvalho Calero exerceu a docencia ou das xornadas organizadas polo Concello de Ferrol a finais de 2010 co gallo do centenario do seu nacemento, entre outros.

Finalmente, a edil de Educación, Mercedes Carbajales, anunciou que se dixitalizará todo o material que sexa posible coa intención de volcalo posteriormente nuns paneis que quedarán como patrimonio do Concello a modo de exposición. A idea é ofrecela posteriormente a centros educativos, entidades ou institucións que desexen afondar na vida e obra de Carvalho Calero. E ao fío disto, avanzou que xa foi solicitada polo IES Carvalho Calero, onde permanecerá unha vez se clausure no Centro Cultural do Inferniño.

ferrol.es

No hay comentarios: