5.1.11

DENUNCIA DO PECHE DA BIBLIOTECA MUNICIPAL NO C.C.CARVALHO CALERO.-

A AVV O Rosario-Inferniño reivindica a

apertura da biblioteca do Carvalho Calero

 Mércores, 05 de Xaneiro de 2011.


A Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño manifestou o seu rexeitamento ao peche da biblioteca municipal do centro cultural Carvalho Calero, por parte do Concello de Ferrol.

Desde a directiva desta entidade aseguran non entender o proceder do consistorio neste sentido, sobre todo porque alegaron que a causa principal é a xubilación da traballadora que se encargaba deste arquivo.

A asociación considera que desde o Concello non se está tendo en conta nin a relevancia da biblioteca como referencia cultural nin a cantidade de cidadáns que necesitan do uso destas instalacións, situadas nunha zona que alberga varios barrios que suman un total duns 25.000 habitantes. De todos eles os estudantes son, para a agrupación, os principais afectados.

Logo de presentar no rexistro xeral do Concello unha queixa formal en relación a este asunto o pasado mes de decembro a Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño continuará reivindicando a apertura da biblioteca do seu barrio, xa que non se conforman coa resposta que obtiveron do Concello, que se limitaron a confirmar que " Esta biblioteca permanecerá cerrada hasta nuevo aviso".

Por iso, a presidenta da entidade, Ana Jesús Díaz López asegurou nun comunicado que continuarán denunciando o que, na súa opinión, é unha falta de implicación do goberno local cun centro cultural ao que están privando dunha programación estable e permanente os fins de semna.

Ademais, desde a asociación non só solicitan a apertura da biblioteca do Carvalho Calero durante os sábados e domingos, senón que consideran necesario que o seu funcionamento sexa diario e de xeito ininterrompido.

Desde o seu punto de vista a concellaría de Cultura é a principal responsable desta situación, cando debería ter a obrigación de proporcionar este servizo co fin de que a cidadanía poida utilizar unha referencia cultural de Ferrol.
Así mesmo, a asociación de veciños denunciará ante o Consello Sectorial de Normalización Lingüística a falta de compromiso da normativa neste centro cultural.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: