O Concello investigará a subida sen
permiso dun 56% nas tarifas do
aparcadoiro de Porta Nova.
Os veciños denunciaron o incremento
dos prezos e piden maior limpeza
14/1/2011

O concelleiro de Promoción Económica e Facenda, Ramón Veloso, asegurou onte descoñecer a aplicación desta subida e engadiu que será investigada polo Concello. «Ímolo comprobar», aseverou. Sobre todo porque a empresa concesionaria «non pode subir absolutamente nada» sen a autorización expresa do Concello, que segundo o edil, non ten.
Así o advirte a directiva da entidade veciñal, que recorda que a empresa Portanova Park SA é unha concesión pública municipal, «polo que ten a obriga de comunicar á Concellería de Facenda calquera proposta de alteración de prezos á alza para a súa aprobación».
Escrito
Nun escrito presentado por rexistro, a presidenta da asociación, Ana Jesús López Díaz, e o secretario, Xosé Manuel Sanxoán Caamaño, piden que o Concello faga rectificar á empresa concesionaria e realice as xestións necesarias para que se aplique o IPC anual nas diferentes tarifas.
Así mesmo, a entidade veciñal do Rosario-Inferniño demanda maior xestión ante a «falta de limpeza» das instalacións que «de seguro, non pasaría unha inspección sanitaria».
Fai máis dun ano o Concello regularizou a situación dun estacionamento público con 342 prazas creado nos anos noventa, pero infrautilizado ata a actualidade. A chegada dunha nova xerencia foi anunciada ao mesmo tempo que o investimento de 200.000 euros na mellora das instalacións: renovación da iluminación, instalación dun emisor de billetes e lector de abonados, un módulo de lectura de matrículas, barreiras e caixeiros automáticos e unha «exhaustiva limpeza», entre outras melloras.
Portanova Park ten a concesión adxudicada durante dúas décadas.
La Voz de Galicia.-
-------------------
No hay comentarios:
Publicar un comentario