30.7.08

URBANIZACION DA RUA RIO XUBIA.


Urbanismo contratará de inmediato as obras de urbanización da rúa Río Xubia por 110.000 euros.
Mércores, 30 de xullo de 2008


O edil Ángel Mato prevé que as obras, cun prazo de execución de dous meses e medio, se inicien en setembro.


A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto, que reordeará a mobilidade de peóns e vehículos no entorno.

O concelleiro de Urbanismo, Ángel Mato, informou da aprobación en Xunta de Goberno Local do proxecto de urbanización da rúa Río Xubia, entre Seselle e Inferniño. Deste xeito e tras calificar a actuación como prioritaria para o executivo municipal, Ángel Mato anunciou que o departamento que dirixe dará traslado do proxecto ás oficinas administrativas competentes para a súa contratación inmediata.
O obxectivo, segundo o concelleiro, pasa por iniciar as obras no mes de setembro.
Cumprindo estes prazos, estarían rematadas antes de acabar o ano, xa que o prazo de execución é de dous meses e medio.


Nesta liña, Ángel Mato explicou que o orzamento de execución de contrata ascende a 110.000 euros, ao marxe do pago das tres vivendas emprazadas á beira do pavillón polideportivo que foi preciso expropiar.
Un pago que xa se fixo efectivo no mes de febreiro.


Ao respecto, o concelleiro engadiu que o proxecto contempla tamén a incorporación de todos os servizos precisos. O responsable de Urbanismo do Concello de Ferrol lembrou que a actuación constitúe unha demanda veciñal con tintes históricos pendente de resolver dende hai anos.
Ángel Mato tamén quixo aproveitar a ocasión para agradecer a paciencia amosada polos veciños e veciñas da zona nos últimos meses, dende que tomara posesión a nova corporación, xa que a tramitación da actuación se dilatou de máis no tempo dada a complexidade que ten dende o punto de vista técnico.


Apuntou que, dado que a documentación que obraba no Concello databa de 1982, Urbanismo tamén se viu obrigado a facer un proxecto completamente novo.
En todo caso, Ángel Mato subraiou que a actuación prevista agora encaixa no proxecto de cidade do actual goberno municipal, que pretende un desenvolvemento urbanístico sostible e racional. De feito, a urbanización da rúa Río Xubia entre Seselle e Inferniño permitirá reordear de forma clara a mobilidade de peóns e vehículos na zona, mellorando de xeito substancial a calidade de vida dos residentes.

C. Urbanismo-Ferrol

No hay comentarios: