5.7.08

A CUARTA TERMINAL DE BICIS : O INFERNIÑO




A cuarta terminal de bicicletas de aluguer, que o Concello habilitará tras o verán, xa ten localización:
O Inferniño.



A Concellaría de Medio Ambiente e Servizos, responsable do programa Ferrol en bicicleta, respectará a vontade das persoas que maioritariamente se decantaron por este emprazamento fronte aos outros dous propostos desde este departamento: a praza de Galicia e a estación de autobuses.

O departamento que dirixe María López (PSOE), deu a opción de que fosen os propios veciños os que determinasen o lugar deste equipamento, abrindo unha votación na páxina web do Concello durante o pasado mes.

Dos máis de 40.600 sufraxios emitidos, case o 60% decantouse polo Inferniño, un 38% pola praza de Galicia e apenas un 3% pola estación de autobuses.

Do que se trata agora é de determinar o sitio exacto deste barrio no que se porá a terminal de bicicletas, cuestión que María López pechará cos representantes veciñais.

Desde o Concello considérase que O Inferniño é un emprazamento adecuado para esta instalación, debido a que se trata dunha zona de tránsito e cun elevado número de residentes.

O compromiso do goberno municipal é colocar a nova terminal a partir de setembro.

Con esta serán xa catro as existentes noutros tantos puntos da cidade: Caranza, as inmediacións da dársena de Curuxeiras, o campus universitario de Esteiro e a mencionada do Inferniño.

Así mesmo, hai que sinalar o compromiso da edila delegada de Medio Ambiente e Servizos de dotar ás praias do municipio de parking para bicicletas, co obxectivo de fomentar o uso deste medio de transporte alternativo ao coche.
O programa de Ferrol en bicicleta posto en marcha fai nove meses tivo unha gran aceptación.

Na actualidade, conta con máis de 3.000 inscritos, cifra que desde o Concello crese que aumentará considerablemente nos próximos meses, coa chegada do bo tempo.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: