16.7.08

SERVIZO DE PRESTAMO DE BICICLETAS NO INFERNIÑO

O barrio do Inferniño acollerá a nova estación do servizo de aluguer de bicicletas.

CARLOS CARBALLEIRA

O barrio do Inferniño resultou seleccionado por votación popular como o mellor emprazamento para albergar a nova estación de aluguer de bicicletas.
Así, a edil de Medio Ambiente, a socialista María López, subliñou a alta participación rexistrada: máis de 40.000 persoas votaron na enquisa que o Concello poñía en marcha o 28 de maio.

Tratábase de escoller entre os tres emprazamentos posibles que resultaban do estudo inicial de mobilidade elaborado polo departamento que dirixe a edil de Medio Ambiente, e que eran a estación de autobuses, a praza de Galicia e a que resultou finalmente seleccionada.
As porcentaxes: casi o 60% dos internautas votou a favor do Inferniño; o 38% por situala na praza de Galicia e tan só un 3% por que a nova estación dispensadora se localizase na Estación de Autobuses.

Así as cousas, María López destacou a implicación da cidadanía ferrolá a prol do uso de medios de transporte ecolóxicos. Nesta liña a concelleira recordaba que dende que se puxera en marcha esta iniciativa pioneira en Galicia, a mediados do mes de setembro, máis de 3.000 persoas se deran de alta no servizo.
Para isto, tan só é necesario achegar a folla de inscrición debidamente cumprimentada e fotocopia do DNI ou documento acreditativo da persona solicitante na oficina de turismo.

Asemade, a entrada en funcionamento da web municipal www.ferrol.es/ferrolenbici facilitou aínda máis os xa de por sí sinxelos trámites para acceder a este servizo gratuito.

Requisitos .-
Respecto dos requisitos, a responsable da política medioambiental recordou que se deben superar os 18 anos ou os 16 e contar con autorización do pai, nai ou titor. En todo caso, tamén aceptar as normas de uso.
Unha vez inscrito, se lle facilita ao usuario unha tarxeta identificativa de acceso ao servizo, con carácter persoal e intransferible. Tarxeta coa que o usuario pode desprender a bicicleta da estación.
Por último, e dentro das obrigas do usuario, caben destacar as seguintes: facer uso do servizo e da bicicleta coa máxima dilixencia, non cedela a terceiras persoas, e utilizala exclusivamente para o transporte personal e dentro do casco urbano do termo municipal.

A nova estación que se emprazará no barrio do Inferniño se sumará ás tres existentes: Caranza, Esteiro e o peirao de Curuxeiras.

Por último, María López destacou que, coa posta en marcha deste servizo, os usuarios van ter a oportunidade de coñecer a cidade dende outra perspectiva, máis amable e tranquila e lonxe das présas e os agobios do tráfico rodado.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: