15.6.12

CONSULTA POPULAR DA PRAZA DE ESPAÑA.-


Piden que se celebre unha consulta popular

sobre as obras da praza de España .

 Venres, 15 de Xuño de 2012.

  As doce entidades que, xunto con persoas a título individual, constituíron un colectivo opositor ás obras da praza de España, acordaron na reunión que celebraron o pasado mércores iniciar unha recollida de firmas para apoiar a petición de convocatoria dunha Consulta Popular en relación con este investimento.

          Será a partir da próxima semana cando se empecen a solicitar estes apoios e a petición apoiarase no artigo 24 do Regulamento de Participación Cidadá.
 Así, o mércores día 20 realizarase unha recollida de firmas a partir das 10.30 horas na propia praza de España.

        Paralelamente, pedirase aos grupos municipais da oposición que presenten unha moción ao pleno ordinario de fin de mes para evitar que se materialice este proxecto.

As entidades que se opoñen ás obras - as asociacións de veciños de San Xurxo, Esteiro, San Pablo-Catabois, O Rosario-Inferniño, Prioriño, San Román, San Xoán-Bertón, Santa Mariña e Ultramar, as culturais López Bouza , Fuco Buxán e o Colectivo Ártabra 21- prevén tamén levar a cabo outras medidas de presión e mobilizacións que anunciarán oportunamente, pois entenden que é preciso evitar que o goberno local levante de novo a praza de España.
    As asociacións oponse a que se invistan outros 700.000 euros neste espazo -máis 56.000 do proxecto- e aseguran que se gastaron xa 16 millóns nos últimos anos, incluíndo o pago de indemnizacións a empresas privadas con diñeiro público.

  O colectivo insiste no que xa manifestou ao alcalde, José Manuel Rei Varela, na entrevista mantida hai uns días, que consideran a praza finalizada salvo certos arranxos necesarios nas proximidades da rúa Rochel.
 Lembran que o propio rexedor municipal recoñeceu o mal estado dos barrios da cidade e que se lle pediu que se actúe con rapidez en zonas como a rúa do Sol, o túnel da praza de España, Irmandiños, o Callao, o Cantón, o parque Reina Sofía e a praza de Armas, entre outras rúas nas que considerarían mellor investidos os 700.000 euros

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: