20.6.12

FESUCO - Xulgado admite a trámite concurso acredores

O Concello abre o expediente para rescatar Porta Nova.

O xulgado admite a trámite a petición

de concurso de acredores para Fesuco.
O Concello de Ferrol iniciou o expediente para rescatar a xestión do centro comercial Porta Nova, situado na praza do Inferniño, segundo confirmou onte o concelleiro de Economía, Alejandro Langtry.

 O goberno local puido dar xa ese paso unha vez que o xulgado de Ferrol admitiu a trámite a petición da actual concesionaria, Fesuco, para entrar en concurso de acredores. Ademais, o xulgado nomeou a un administrador concursal para dirixir todo o procedemento de suspensión de pagamentos.

Langtry explicou que agora, unha vez aberto o expediente, concede un prazo de dez días á empresa para que acepte, ou non, o rescate da xestión. É o que marca a lei, pero o edil sinalou que Fesuco non debería oporse, pois recentemente as dúas partes alcanzaran unha especie de acordo para resolver a relación contractual de mutuo acordo. Se finalmente é así, o expediente rematarase con rapidez, aínda que o edil non quixo adiantar prazos.

Entre tanto, o Concello traballa nos pregos do novo concurso que ten previsto convocar para adxudicar a xestión de Porta Nova. Ao mesmo tempo, Langtry adiantou que están realizando unha auditoría no centro comercial para coñecer con exactitude a situación económica do centro.

O concelleiro de Economía destacou que o Concello seguramente non terá que indemnizar a Fesuco polo rescate das instalacións comerciais do Inferniño. Esta decisión adoptouse hai uns meses tras destaparse que a concesionaria debía medio millón de euros ás arcas municipais. Desde abril, os comerciantes de Porta Nova abonan directamente os recibos ao Concello, en lugar de facelo a través da xestora, como era habitual.


La Voz de Galicia.-


No hay comentarios: