16.7.09

POLÍTICAS EDUCATIVAS DA NOVA XUNTA.




LIBROS – COMEDORES -IDIOMA


A directiva desta Asociación Veciñal O ROSARIO- INFERNIÑO, observa con preocupación as novas políticas educativas da nova Xunta de Galicia.

Esta Asociación, que na súa maioría son soci@s con fill@s en idade escolar, expresamos nosa preocupación pola continuidade do Servizo de Comedores públicos e esperamos a colaboración das institucións públicas coa Federación de ANPAS da Comarca de Ferrol e abandonen súa indecisión ou ambigüidade.

Nosa directiva analiza a nova situación educativa deste novo goberno da Xunta de Galicia pola supresión do Préstamo de Libros, unha prestación que tiña unha grande aceptación dos pais e nais xa que era unha medida igualitaria entre o alumnado, ademais de sostible pola duración dos libros.

Pensamos que o sistema por Rentas non está ben aplicada a cal PERXUDICA con claridade a máis do 80 % das familias posto que estes será os que terán que comprar os libros cunha subvención do 50 % de custe.

Tamén denunciamos que estase xerando unha problemática innecesaria na aplicación do galego no sistema educativo o cal desde a nosa perspectiva social representa un retroceso académico para as/os alumnas/os galegos.

Facemos un chamamento a Xunta de Galicia no senso de continuar coas políticas educativas e lingüísticas do anterior goberno co fin de seguir avanzando para unha mellora no ensino de calidade e a delicada situación do idioma galego.


Ferrol a 14 de Xullo de 2009.

Asdo. Xosé M. SANXOÁN - Secretario
Asdo. Ana J. LOPEZ DÍAZ - Presidenta


A XUNTA ANUNCIA INICIO DAS OBRAS DA ESTRADA DE CASTELA

A Xunta anuncia que Catabois e Castela estarán

en obras en agosto.


Agustín Hernández mantén os plans do bipartito

para ambas as estradas con só un mes de atraso


O día despois de que o alcalde Vicente Irisarri pedise axuda aos parlamentarios socialistas para evitar que o Goberno de Feijoo atrase proxectos estratéxicos para Ferrol, Agustín Hernández visitou a cidade cunha resposta anticipada a posibles críticas nesa liña.
O titular de Territorio, Infraestruturas e Medio Ambiente debullou os datos rapidamente:
a reforma das estradas de Castela e Catabois licitarase este mesmo mes e as obras comezarán en agosto.

O calendario marcado polo conselleiro do PP respecta case á perfección o da súa predecesora no cargo, María José Caride, impulsora orixinal do proxecto para reurbanizar por oito millóns de euros 5,58 quilómetros de ambas as estradas e transformalas en avenidas ben integradas na cidade.
Caride tiña planeado iniciar os traballos en xullo e Hernández farao en agosto, só cun mes de atraso facilmente achacable ás eleccións e ao cambio de Goberno na Xunta.

Os traballos foron adxudicados o pasado 12 de xuño, de feito ese anuncio foi o as na manga que Núñez Feijoo trouxo na súa primeira visita oficial á cidade ese mesmo día. Custarán oito millóns e teñen un prazo de execución de 30 meses, polo que poderían non estar rematados ata finais do 2011.

Está previsto intervir no tramo de catro quilómetros da estrada de Catabois que discorre entre a praza de Canido e a glorieta coa autovía a Vilalba.
Na Estrada de Castela urbanizaranse preto de 1,6 quilómetros de vía, os que unen a praza de España coa Ponte das Cabras, no límite con Narón.

Outras obras en estradas
Desde as eleccións, afirmou o conselleiro, a Xunta investiu «34 millóns» en obras, a maioría -senón todas- tramitadas polo Goberno anterior.
Aos oito das reformas das estradas (que se pagarán de aquí ao 2011), Hernández engadiu tres para recuperar o firme da autovía Ferrol-Vilalba, sete para mellorar a seguridade da estrada a Cedeira, 14,8 para o auditorio de Caranza (que tamén se pagarán ata o 2011 e dos que 4,78 son obras xa feitas) e 1,1 para o saneamento de Chanteiro, en Ares.
La Voz de Galicia.-

12.7.09

PREZOS VIVENDAS NAS CIDADES.-

Ferrol é a quinta localidade do seu tamaño
coa vivenda máis barata.
P.R.C. > FERROL
A pesar de que o descenso porcentual é o menor de toda a Comunidade con respecto ao segundo semestre de 2008, Ferrol continúa sendo a cidade galega co prezo de vivenda máis barato, segundo os datos da Sociedade de Tasación a xuño do presente ano.
Os 1.381 euros por metro cadrado construído aos que se venden as vivendas en Ferrol están por baixo da media de Galicia (1.691), xa que o resto das cidades teñen custos máis elevados.
A cidade máis cara é A Coruña, con 1.894 euros por metro cadrado, seguida de Vigo (1.810), Ourense (1.639), Santiago (1.632), Lugo (1.481) e Pontevedra (1.387), que rexistra a maior caída porcentual no último semestre, un -3,3%.
De feito, apenas seis euros -mil pesetas- separan o prezo desta capital de provincia do que se rexistra en Ferrol, o que a converte, xunto con Lugo e Badaxoz nas máis baratas de toda España, unha tendencia que, por outra banda, non é nova segundo os informes semestrais da Sociedade de Tasación.
O descenso porcentual en Ferrol é o menos significativo de todas as cidades galegas, un -0,7% e afástase bastante da media do -2,4%.
Comparativa >
Entre as poboacións do seu tamaño -entre 50.000 e 100.000 habitantes- Ferrol ocupa o quinto lugar en prezos máis económicos das cincuenta analizadas, xa que o metro cadrado construído só é máis barato en Fuengirola (Andalucía), Talavera de la Reina (Castela-A Mancha), Alcoi (Comunidade valenciana) e Orihuela (tamén en Valencia).
Con todo, se se toman como referencia as localidades costeiras só Santa Cruz de la Palma, en Canarias, ten a vivenda máis barata, 1.328 euros por metro cadrado.
A media nestas poboacións é de 2.397 euros, máis de mil euros superior ao prezo en Ferrol.
Pero se en Galicia seguiu caendo o prezo da vivenda, a media española pon de manifesto un esborralle aínda maior, xa que alcanza o -4,5% (na comunidade galega é o -2,4%).
Nas cincuenta poboacións de tamaño similar a Ferrol analizadas, a variación media no primeiro semestre do ano foi do -3,1% e o valor medio de 2.032 euros por metro cadrado construído.
Pero a media das localidades de entre 25.000 e 50.000 habitantes tamén supera o prezo de Ferrol, xa que ascende a 1.875 euros, o mesmo que a das 200 poboacións de menos de 25.000 habitantes, onde é de 1.823 por metro cadrado construído.
Diario de Ferrol.-

10.7.09

APROBADO O REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.-









-O pleno apoia de forma unánime



o novo Regulamento de


Participación Cidadá.







Xosé Manuel Sanxoán interveu polos veciños ao comezo da sesión.-

D. A. DAVID RUIBAL GARCÍA > FERROL
O pleno do Concello de Ferrol deu luz verde onte ao novo Regulamento de Participación Cidadá, trece anos despois de que a cidade se conviertiera na primeira de España en contar cunha norma deste tipo.
O texto onte ratificado foi consensuado de xeito colectivo polos propios veciños.

A unanimidade coa que saíu adiante o novo Regulamento de Participación Cidadá e a música do quintento de clarinete da Banda de Musica Ferrolá coa que, de forma excepcional nunha sesión plenaria, púxose fin á reunión da corporación municipal poden levar a pensar que o de onte foi un debate sosegado e sen reproches.
Pero non foi así e o público que practicamente encheu o salón de plenos escoitou pullas.
Os primeiros en polas de manifesto foron os dous representantes veciñais que interviñeron ao comezo da sesión para defender o documento: Miguel López, da A. Veciñal Fontelonga de Esteiro, e Xosé Manuel Sanxoán, da Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño.

Estes responsabilizaron directamente ao secretario do Concello de paralizar a súa aprobación durante meses, nunha actitude, para nós, pouco entendible.
Recordaron, neste sentido, que o texto leva esperando para a súa aprobación en pleno desde outubro do ano pasado á espera de que o secretario lle dea validez legal.
Os veciños queren ademais que este regulamento non sexa simplemente un documento escrito, e para iso reclamaron importantes partidas económicas para poñelo en marcha.
De paralización inxustificada tamén falou a portavoz de EU, Yolanda Díaz, quen botou en cara ao alcalde que desde que os veciños/as terminaron o regulamento ata o seu debate no pleno de onte transcorran nove meses. O parto foi a termo, concluíu.
A edila de EU defendeu, así mesmo, o traballo realizado pola súa formación na negociación dos orzamentos de 2009 co grupo de goberno para que estes recolleran por primeira vez os Orzamentos Participativos, un dos acordos do foro cívico no que os veciñ@s consensuaron en outubro do ano pasado a nova ordenanza de Participación Cidadá, apuntou.
Díaz citou ao premio Nobel José Saramago e ao xornalista Ignacio Ramonet para afirmar que a utopía é posible, asegurando que o proceso de participación iniciado vai cambiar o rumbo da cidade.
Advertiu, para rematar, de que sería un grave erro que o regulamento quede en papel mollado ou gardado nun caixón e frustar así as expectativas da cidadanía.

Nesta idea insistiron todos os grupos municipais. Así, José Manuel Rei, do PP, indicou que non chega coa aprobación do regulamento, senón que escoitar ás persoas debe rexer a acción diaria dos políticos.
Unha actitude que o portavoz popular dixo non atopar no goberno local, a quen acusou de adoptar decisións que non favorecen a participación dos grupos municipais, como a redución das comisións informativas, ou o intento de aprobar a Lei de Grandes Cidades coa intención, na súa opinión, de recortar o papel da oposición.

Pola súa banda, o BNG lamentou que teñan que pasar dez anos para reformar o ata onte vixente regulamento de Participación Cidadá, pero a pesar desta demora esta é unha data festiva, manifestou a edila Elia Rico, que definiu o novo texto como un instrumento de traballo social aberto ás novas realidades e para a construción dun futuro máis xusto, democrático e asentado no que somos.
Pola súa banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, subliñou o consenso co que conta o regulamento, asegurando que é ou máis avanzado de Galicia e está á vangarda de España. Nesta liña, destacou o feito de que abra por primeira vez a participación aos maiores de 16 anos e a creación de novas figuras, como a do Defensor da Cidadanía.
Tamén apuntou que suporá unha modernización da administración local, que terá que prepararse para responder en tempo e forma ás demandas da veciñanza.

O pleno pechouno o alcalde, quen se manifestou orgulloso do traballo realizado pola veciñanza asegurando que a democracia ou é participativa ou non é democracia. Vicente Irisarri sinalou que os 25 concelleiros da corporación cremos firmenente na participación cidadá, e que o regulamento onte aprobado é de toda a cidadanía e non dous grupos municipais, comprometéndose a aplicalo nos dous anos que lle restan de mandato.



Diario de Ferrol.-

HABEMUS REGULAMENTO DE PARTICIAPCIÓN CIDADÁ.- APROBADO NO PLENO DE FERROL.-

Ferrol aproba por «consenso total» a participación
do «século XXI».




EU recordou a ruptura
do bipartito «tres días
antes» de tratar de
levar o documento
por primeira vez ao pleno.



A corporación ratifica por unanimidade o novo

regulamento que dá máis voz aos cidadáns na

vida política.

«Os vintecinco representantes da cidadanía cremos neste proceso, fe neste regulamento e todos estamos convencidos do que imos facer para que isto funcione». Con esta intervención deu onte o alcalde por finalizado o pleno no que, en palabras do concelleiro da área, Manuel Santiago, «por consenso total» de políticos e cidadáns, deuse aprobación ao novo regulamento de participación cidadá; un documento, apostilou, «do século XXI».

A sesión comezou cun discurso acordado polo grupo redactor do regulamento e no que os representantes veciñais Xosé Miguel López Pérez e Xosé Manuel Sanxoán Caamaño celebraron «a aposta pola democracia participativa» que onte levou á súa máxima expresión o Concello de Ferrol.
Aínda que tamén criticaron que ese documento «estivo paralizado durante meses polo Secretario».

Unha acusación á que tamén se sumou despois a portavoz de EU, Yolanda Díaz, quen recordou a ruptura do bipartito «tres días antes» de que o seu grupo intentase levar o borrador a pleno para a súa aprobación. «Dende aquela», dixo, «transcurriron nove meses» nos que o regulamento «estivo paralizado inxustificadamente».
Referiuse á participación como a «modesta utopía dá que fala Ignacio Ramonet» e parafraseó a José Saramago: «A única ferramenta de cambio é a participación da cidadanía na política».

Nun liña filosófica paralela, o portavoz do PP, José Manuel Rei Varela, destacou que «debemos ser rebeldes contra o pensamento único» e avisou de que «non chega con aprobar un regulamento, senón que é fundamental escoitar ás persoas».

Tamén Juan Fernández (IF) e Elia Rico (BNG) mostraron o seu apoio ao documento, o terceiro do que dispón Ferrol desde que, en 1986, púxose en funcionamento «un dous primeiros de España», remachou o edil Manuel Santiago.

Ao termo da sesión, o secretario municipal explicou que o seu primeiro informe fora emitido o 12 de marzo deste ano. «Había sete irregularidades e quedaron en unha», dixo. Pero, en calquera caso, ese regulamento, argumentou, «estivo na miña mesa só tres meses».

O comité de Urbaser solapó os primeiros minutos do pleno cunha protesta laboral.

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2009/07/10/0003_7838874.htm?idioma=galego

La Voz de Galicia.-

8.7.09

CHAMAMENTO A CIDADANÍA AO PLENO MUNICIPAL- REGULAMENTO PARTICIPACIÓN CIDADÁ.-


Estimados/as veciños/as;





Os membros do GRUPO DE ANALISE E PROPOSTAS (GAP), CONVIDAMOS a toda a cidadía e veciñanza de Ferrol a Participar no PLENO DE FERROL, que vai a realizar este XOVES-9 de Xullo ás 8 horas da tarde, co obxecto de solicitar o VOTO favorable para a APROBACIÓN do novo REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.


O GAP presenta ao pobo de Ferrol este REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ, como un instrumento de utilidade social onde a DEMOCRACIA PARTICIPATIVA vai ser unha realidade esta antiga demanda do tecido social da cidade de Ferrol.

Pediremos por rexistro a petición da palabra para intervir neste PLENO do xoves en nome do GAP os representantes, Xosé Miguel López Pérez e Xosé Manuel Sanxoán Caamaño para dar lectura a un manifesto.



POBO DE FERROL




PARABENS !!




BENVIDO O NOVO REGULAMENTO !!




asdo. - Xosé M.Sanxoán Caamaño - Secretario


asdo.- Ana Jesús López Díaz - Presidenta



--------------------------------------------------------------------



Estimadas/os veciñas/os,


Este xoves 9 de xullo ás 20,00 horas terá lugar un pleno extraordinario, cun único punto na orde do día: a aprobación inicial do borrador de Regulamento de Participación Cidadá.

Esta é a segunda reforma da normativa; Ferrol era un dos primeiros concellos no 1986 en ter un regulamento de participación. Este modificouse no 1998, que é o texto que hoxe está en vigor.
Durante 2008 iniciouse un proceso participativo, no que traballaron 30 entidades e cidadáns individuais na súa reforma (Grupo de Análise e Proposta-GAP), para ser validado por un foro cívico coa representación de 70 entidades cidadás e veciñanza a título particular.
Os 5 grupos municipais estiveron debatindo o texto durante este proceso e o apoiaron en diversos foros durante este período.

Agardamos poder contar coa vosa presenza este xoves no salón de plenos; é unha data importante, xa que se van a regular dereitos, órganos de participación e figuras de defensa da veciñanza (comisión de queixas e suxestións e o/a defensor/a da cidadanía), ademáis dun sistema de seguimento cidadá para avaliar todos os procesos participativos do concello.

Unha aperta,



Área de Participación Cidadá
-Concello de Ferrol



-------------------------------------------------------------



Os veciños piden intervir no pleno para apoiar


o regulamento de Participación.

O Grupo de Análise e Propostas (GAP), integrado polas asociacións veciñais do Rosario-O Inferniño, Prioriño, Fontelonga, Caranza, Ferrol-Vello, Mandiá e Alfer A Coruña, entre outros, solicitou ao alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, poder intervir no pleno extraordinario que se celebrará mañá, xoves, ás 20.00 horas para someter a aprobación o novo regulamento de Participación Cidadá.

En concreto, está previsto que dous integrantes do GAP, Xosé Miguel López Pérez e Xosé Manuel Sanxoán Caamaño, dean lectura durante a sesión plenaria a «un manifesto acordado entre os membros do grupo e así explicar as principais liñas de actuación do futuro regulamento». Tamén solicitarán á corporación municipal que dean o seu voto favorable ao regulamento.

Desde este conxunto de agrupacións veciñais consideran que este documento é «un instrumento de utilidade social onde a democracia participativa, antiga demanda do tecido social dá cidade de Ferrol, vai a ser unha realidade».

Desde o GAP invitan a toda a cidadanía de Ferrol «a participar non pleno» e coñecer «as características» deste documento que regulará a participación en Ferrol.

-La Voz de Galicia.-




http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2009/07/08/0003_7834210.htm?idioma=galego



-

6.7.09

CAUSA DA FRAGATA EXTREMADURA.


O tribunal militar resolve seguir a causa do

accidente da Fragata «Extremadura»

Rexeita o sobresemento que solicitou o xuíz instrutor polo
sinistro no que morreron dous tripulantes

Autor:
Francisco Varela

O Xulgado Togado Militar Territorial número 41 da Coruña rexeitou a petición do xuíz togado, equivalente ao instrutor na xurisdición ordinaria, de sobreer a causa pola explosión ocorrida na fragata Estremadura .
No accidente, ocorrido a madrugada do 19 de decembro do 200 faleceron o cabo primeiro Francisco Javier Pérez Castrillón, orixinario de Bilbao, e o mariñeiro Erik Noval Gómez, da Coruña, que formaban parte da dotación da fragata e atopábanse prestando o servizo de garda na cámara de caldeiras.

O Xulgado Togado non acepta a proposta de sobresemento definitivo da causa e acorda que se realicen novas dilixencias, entre elas, o ofrecemento de accións á Avogacía do Estado, «a fin de que se ao seu dereito convén, móstrese parte no procedemento e exercite as accións que teña convenientes».
O fiscal xurídico militar opúxose ao sobresemento, o mesmo que os representantes legais dos dous tripulantes falecidos, que consideran responsable penal do ocorrido ao tenente de navío Pablo Varela Sánchez, como posible autor dun delito contra a eficacia do servizo, previsto na lexislación penal militar.

A manobra-
O accidente ocorrera cando a fragata, atracada no Arsenal Militar de Ferrol, atopábase realizando a manobra de arranque para facerse á mar ao día seguinte, para unha navegación curta de acompañamento a unha das novas fragatas que Navantia construía para Noruega , e que saía a probas de mar.

Por causas que agora se trata de aclarar, unha condución de vapor a altísima presión rebentou e alagou de gases a máis de 300 graos de temperatura a cámara de máquinas e matou ao instante aos dous tripulantes que realizaban o arranque, unha operación que se prolonga durante horas, necesaria para sobrequentar o vapor que acciona logo as turbinas que moven o buque.

A principal testemuña de cargo, en contra do oficial, é o famoso cabo Gago, que advertiu aos seus mandos que os índices de contaminación por cloro, un dos indicadores de perigo, do circuíto de auga quente sinalaban cotas de alarma que aconsellaban iniciar o proceso de apagado e, ata, ordenar o abandono de buque.
La Voz de Galicia.-

4.7.09

ESTUDO - TRAFICO DE VEHICULOS.-

Uns 50.000 coches entran ao día en Ferrol,

a maioría polo Acceso Norte.


O groso dos condutores elixen a praza de Galicia e a rúa
Rochel para penetrar e saír do centro histórico

Autor:
Luís A. Núñez

4/7/2009


clicar enriba.-

http://www.lavozdegalicia.es/ferrol/2009/07/04/0003_7826270.htm


La Voz de Galicia.-

3.7.09

PLENO O VINDEIRO DIA 9 DE XULLO - APROBACIÓN DO REGULAMENTO DE P.C.

O goberno local acorda co tecido asociativo

celebrar o vindeiro 9 de xullo o pleno para

aprobar o Regulamento de Participación Cidadá.

Venres, 3 de xullo de 2009
O edil Manuel Santiago avanza que a sesión incluirá intervencións
dos cidadáns que participaron na elaboración


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, anunciou que o pleno para aprobar o novo Regulamento Municipal de Participación Cidadá terá lugar o vindeiro día 9 de xullo, ás 20 horas.


Así o acordaba o Concello e tecido asociativo da cidade no encontro que mantiñan onte pola tarde no pazo municipal, logo de que se solventasen as dúbidas da Secretaría Xeral do Concello en torno ao sistema de elección do Defensor da Cidadanía.
Nesta liña, o edil de área aseguraba que coa hora elixida se facilitará a asistencia dos cidadáns e as cidadás de Ferrol no que se espera sexa un pleno participativo e con gran afluenza veciñal.
Neste contexto, Manuel Santiago apuntaba que a cita de onte serviu non só para fixar a data, senón tamén para perfilar os contidos da sesión plenaria que terá como único punto da orde do día a aprobación do dito documento e que incluirá as intervencións dos cidadáns e cidadás que participaron no proceso.
Deste xeito, o concelleiro lembraba que co dictame favorable do documento na comisión do pasado luns, logo de recibir o último dos catro informes solicitados para dilucidar o sistema de elección do Defensor da Cidadanía, se salvaban todo os obstáculos que existían para aprobar o novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol.
Un documento que nace dun proceso participativo que contou coa implicación activa de máis de 70 asociacións a través dun foro cívico, do Grupo de Análise e Proposta (GAP) e da Comisión Política, na que estiveron representadas as cinco forzas políticas municipais.
E, nesta liña, destacou que a aprobación do novo Regulamento suporá un cambio radical respecto ao vixente na actualidade, que data de 1998. Este, á súa vez, nace dunha reforma do primeiro Regulamento aprobado en 1986.
Así mesmo, outro dos asuntos que se tratou na xunta de onte, segundo explicou Santiago, foi o estado actual do primeiro proceso de orzamentos participativos que se vai implantar na cidade, así como das accións preparatorias que se están a levar a cabo como paso previo ás asembleas que se porán en marcha a partir do mes de setembro. Nesta liña, Santiago destacaba que hoxe venres, a partir das 17.30 horas, na praza de San Xoán terá lugar a presentación pública de todo o proceso.
WEB. Concello de Ferrol.-

GAP E GOBERNO - LUZ VERDE PARA APROBAR O REGULAMENTO DE P. C.

O goberno local acordará co tecido asociativo

a data do pleno para aprobar o Regulamento

de Participación



Xoves, 2 de xullo de 2009
O edil Manuel Santiago dá conta do informe favorable da Secretaría para a elección do Valedor por maioría absoluta.
O concelleiro destaca que o Regulamento nace do traballo e implicación activa de máis de 70 entidades e asociacións

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, compareceu o pasado 29 de xuño en rolda de prensa para informar publicamente á cidadanía do paso a pleno do Regulamento de Participación Cidadá, despois de que se solventasen as dúbidas da Secretaría Xeral do Concello en torno ao sistema de elección do Defensor da Cidadanía.
Así mesmo, o edil anunciou que convocará de inmediato ao Grupo de Análise e Proposta (GAP) para fixar a data da sesión plenaria de carácter extraordinaria que permitirá dar luz verde ao Regulamento.
Un pleno que podería ter lugar a vindeira semana, segundo avanzaba Manuel Santiago, pero que en todo caso será consensuada co tecido asociativo da cidade, cumprindo así a palabra dada polo goberno local.
Deste xeito, o concelleiro destacaba que se salvan tódolos obstáculos que existían para aprobar o novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol logo dun proceso participativo que contou coa implicación activa de máis de 70 asociacións a través dun foro cívico, do GAP e da Comisión Política, na que estiveron representadas as cinco forzas políticas municipais.
O luns, na comisión de área, todos os grupos municipais dictaminaban a favor do documento (agás o PP, que non estivo presente na dita comisión).
A aprobación do novo Regulamento suporá un cambio radical respecto ao vixente na actualidade, que data de 1998. Este, á súa vez, nace dunha reforma do primeiro Regulamento aprobado en 1986.
Máis polo miúdo, Manuel Santiago explicaba que o pasado xoves, 25 de xuño, se recibía o segundo informe xurídico da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) relativo á legalidade do artigo do proxecto de regulamento que esixe un quórum cualificado para a designación polo pleno da figura do Defensor da Cidadanía.
Un informe que fora solicitado dende a Secretaría Xeral para aclarar outro recibido anteriormente da subdirección dos servizos xurídicos da FEMP, concretamente o 11 de maio, xa que existían discrepancias en torno á interpretación do artigo 47 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no que se establecen unha serie de supostos e sistemas de votación.
E, ao fío, Santiago lembraba que para o caso concreto desta figura, a lei non recolle expresamente a súa aprobación. Neste contexto, o concelleiro explicaba que no último informe recibido, o servizo xurídico da FEMP informa que se dá unha excepción a este principio xeral á hora de crear órganos de participación cidadá por parte do Pleno. E, ao fío, apunta a certa xurisprudencia a favor desta regulación.
Concretamente, á sentenza do Tribunal Supremo que ampara a liberdade dos concellos -neste caso o de Barcelona- para elixir a modalidade de designación dos presidentes das Xuntas de Distrito.
Ao tempo, a FEMP realiza unha comparativa con diversos concellos nos que se ten aprobado a figura do Defensor da Cidadanía cun quórum especial. Ben sexa a través de maiorías absolutas, ben a través de maiorías cualificadas de 2/3, 3/5 ou 4/5. Así sucedía nos concellos de Parla, Girona, Granada, Xerez, Vilanova i la Geltrú, Mataró, Segovia e Calviá. Tamén en Santa Coloma de Gramanet, Vilafranca de Penedés e Vitoria-Gasteiz, municipio este último ao que tamén se lle solicitaba a emisión dun informe para aclarar o sistema de aprobación desta figura dentro do regulamento.
Co informe recibido a pasada semana, o secretario municipal emitía un informe xurídico no que finalmente daba o seu apoio ao borrador, salvándose así tódolos obstáculos para poder elevar ao pleno o documento.
Finalmente, Manuel Santiago lembrou que o Regulamento de Participación Cidadá será tratado en sesión extraordinaria, e cun único punto na orde do día, para facilitar a participación das entidades integradas no GAP, así como tamén para outorgarlle maior protagonismo a un regulamento de suma importancia para os intereses de veciños e veciñas.
WEB - Concello de Ferrol