12.7.09

PREZOS VIVENDAS NAS CIDADES.-

Ferrol é a quinta localidade do seu tamaño
coa vivenda máis barata.
P.R.C. > FERROL
A pesar de que o descenso porcentual é o menor de toda a Comunidade con respecto ao segundo semestre de 2008, Ferrol continúa sendo a cidade galega co prezo de vivenda máis barato, segundo os datos da Sociedade de Tasación a xuño do presente ano.
Os 1.381 euros por metro cadrado construído aos que se venden as vivendas en Ferrol están por baixo da media de Galicia (1.691), xa que o resto das cidades teñen custos máis elevados.
A cidade máis cara é A Coruña, con 1.894 euros por metro cadrado, seguida de Vigo (1.810), Ourense (1.639), Santiago (1.632), Lugo (1.481) e Pontevedra (1.387), que rexistra a maior caída porcentual no último semestre, un -3,3%.
De feito, apenas seis euros -mil pesetas- separan o prezo desta capital de provincia do que se rexistra en Ferrol, o que a converte, xunto con Lugo e Badaxoz nas máis baratas de toda España, unha tendencia que, por outra banda, non é nova segundo os informes semestrais da Sociedade de Tasación.
O descenso porcentual en Ferrol é o menos significativo de todas as cidades galegas, un -0,7% e afástase bastante da media do -2,4%.
Comparativa >
Entre as poboacións do seu tamaño -entre 50.000 e 100.000 habitantes- Ferrol ocupa o quinto lugar en prezos máis económicos das cincuenta analizadas, xa que o metro cadrado construído só é máis barato en Fuengirola (Andalucía), Talavera de la Reina (Castela-A Mancha), Alcoi (Comunidade valenciana) e Orihuela (tamén en Valencia).
Con todo, se se toman como referencia as localidades costeiras só Santa Cruz de la Palma, en Canarias, ten a vivenda máis barata, 1.328 euros por metro cadrado.
A media nestas poboacións é de 2.397 euros, máis de mil euros superior ao prezo en Ferrol.
Pero se en Galicia seguiu caendo o prezo da vivenda, a media española pon de manifesto un esborralle aínda maior, xa que alcanza o -4,5% (na comunidade galega é o -2,4%).
Nas cincuenta poboacións de tamaño similar a Ferrol analizadas, a variación media no primeiro semestre do ano foi do -3,1% e o valor medio de 2.032 euros por metro cadrado construído.
Pero a media das localidades de entre 25.000 e 50.000 habitantes tamén supera o prezo de Ferrol, xa que ascende a 1.875 euros, o mesmo que a das 200 poboacións de menos de 25.000 habitantes, onde é de 1.823 por metro cadrado construído.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: