16.7.09

A XUNTA ANUNCIA INICIO DAS OBRAS DA ESTRADA DE CASTELA

A Xunta anuncia que Catabois e Castela estarán

en obras en agosto.


Agustín Hernández mantén os plans do bipartito

para ambas as estradas con só un mes de atraso


O día despois de que o alcalde Vicente Irisarri pedise axuda aos parlamentarios socialistas para evitar que o Goberno de Feijoo atrase proxectos estratéxicos para Ferrol, Agustín Hernández visitou a cidade cunha resposta anticipada a posibles críticas nesa liña.
O titular de Territorio, Infraestruturas e Medio Ambiente debullou os datos rapidamente:
a reforma das estradas de Castela e Catabois licitarase este mesmo mes e as obras comezarán en agosto.

O calendario marcado polo conselleiro do PP respecta case á perfección o da súa predecesora no cargo, María José Caride, impulsora orixinal do proxecto para reurbanizar por oito millóns de euros 5,58 quilómetros de ambas as estradas e transformalas en avenidas ben integradas na cidade.
Caride tiña planeado iniciar os traballos en xullo e Hernández farao en agosto, só cun mes de atraso facilmente achacable ás eleccións e ao cambio de Goberno na Xunta.

Os traballos foron adxudicados o pasado 12 de xuño, de feito ese anuncio foi o as na manga que Núñez Feijoo trouxo na súa primeira visita oficial á cidade ese mesmo día. Custarán oito millóns e teñen un prazo de execución de 30 meses, polo que poderían non estar rematados ata finais do 2011.

Está previsto intervir no tramo de catro quilómetros da estrada de Catabois que discorre entre a praza de Canido e a glorieta coa autovía a Vilalba.
Na Estrada de Castela urbanizaranse preto de 1,6 quilómetros de vía, os que unen a praza de España coa Ponte das Cabras, no límite con Narón.

Outras obras en estradas
Desde as eleccións, afirmou o conselleiro, a Xunta investiu «34 millóns» en obras, a maioría -senón todas- tramitadas polo Goberno anterior.
Aos oito das reformas das estradas (que se pagarán de aquí ao 2011), Hernández engadiu tres para recuperar o firme da autovía Ferrol-Vilalba, sete para mellorar a seguridade da estrada a Cedeira, 14,8 para o auditorio de Caranza (que tamén se pagarán ata o 2011 e dos que 4,78 son obras xa feitas) e 1,1 para o saneamento de Chanteiro, en Ares.
La Voz de Galicia.-

No hay comentarios: