3.7.09

GAP E GOBERNO - LUZ VERDE PARA APROBAR O REGULAMENTO DE P. C.

O goberno local acordará co tecido asociativo

a data do pleno para aprobar o Regulamento

de Participación



Xoves, 2 de xullo de 2009
O edil Manuel Santiago dá conta do informe favorable da Secretaría para a elección do Valedor por maioría absoluta.
O concelleiro destaca que o Regulamento nace do traballo e implicación activa de máis de 70 entidades e asociacións

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, compareceu o pasado 29 de xuño en rolda de prensa para informar publicamente á cidadanía do paso a pleno do Regulamento de Participación Cidadá, despois de que se solventasen as dúbidas da Secretaría Xeral do Concello en torno ao sistema de elección do Defensor da Cidadanía.
Así mesmo, o edil anunciou que convocará de inmediato ao Grupo de Análise e Proposta (GAP) para fixar a data da sesión plenaria de carácter extraordinaria que permitirá dar luz verde ao Regulamento.
Un pleno que podería ter lugar a vindeira semana, segundo avanzaba Manuel Santiago, pero que en todo caso será consensuada co tecido asociativo da cidade, cumprindo así a palabra dada polo goberno local.
Deste xeito, o concelleiro destacaba que se salvan tódolos obstáculos que existían para aprobar o novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol logo dun proceso participativo que contou coa implicación activa de máis de 70 asociacións a través dun foro cívico, do GAP e da Comisión Política, na que estiveron representadas as cinco forzas políticas municipais.
O luns, na comisión de área, todos os grupos municipais dictaminaban a favor do documento (agás o PP, que non estivo presente na dita comisión).
A aprobación do novo Regulamento suporá un cambio radical respecto ao vixente na actualidade, que data de 1998. Este, á súa vez, nace dunha reforma do primeiro Regulamento aprobado en 1986.
Máis polo miúdo, Manuel Santiago explicaba que o pasado xoves, 25 de xuño, se recibía o segundo informe xurídico da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) relativo á legalidade do artigo do proxecto de regulamento que esixe un quórum cualificado para a designación polo pleno da figura do Defensor da Cidadanía.
Un informe que fora solicitado dende a Secretaría Xeral para aclarar outro recibido anteriormente da subdirección dos servizos xurídicos da FEMP, concretamente o 11 de maio, xa que existían discrepancias en torno á interpretación do artigo 47 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no que se establecen unha serie de supostos e sistemas de votación.
E, ao fío, Santiago lembraba que para o caso concreto desta figura, a lei non recolle expresamente a súa aprobación. Neste contexto, o concelleiro explicaba que no último informe recibido, o servizo xurídico da FEMP informa que se dá unha excepción a este principio xeral á hora de crear órganos de participación cidadá por parte do Pleno. E, ao fío, apunta a certa xurisprudencia a favor desta regulación.
Concretamente, á sentenza do Tribunal Supremo que ampara a liberdade dos concellos -neste caso o de Barcelona- para elixir a modalidade de designación dos presidentes das Xuntas de Distrito.
Ao tempo, a FEMP realiza unha comparativa con diversos concellos nos que se ten aprobado a figura do Defensor da Cidadanía cun quórum especial. Ben sexa a través de maiorías absolutas, ben a través de maiorías cualificadas de 2/3, 3/5 ou 4/5. Así sucedía nos concellos de Parla, Girona, Granada, Xerez, Vilanova i la Geltrú, Mataró, Segovia e Calviá. Tamén en Santa Coloma de Gramanet, Vilafranca de Penedés e Vitoria-Gasteiz, municipio este último ao que tamén se lle solicitaba a emisión dun informe para aclarar o sistema de aprobación desta figura dentro do regulamento.
Co informe recibido a pasada semana, o secretario municipal emitía un informe xurídico no que finalmente daba o seu apoio ao borrador, salvándose así tódolos obstáculos para poder elevar ao pleno o documento.
Finalmente, Manuel Santiago lembrou que o Regulamento de Participación Cidadá será tratado en sesión extraordinaria, e cun único punto na orde do día, para facilitar a participación das entidades integradas no GAP, así como tamén para outorgarlle maior protagonismo a un regulamento de suma importancia para os intereses de veciños e veciñas.
WEB - Concello de Ferrol

No hay comentarios: