22.12.09

PLATAFORMA POLA VERDADE F. EXTREMADURA







Ferrol Domingo 20 de Diciembre de 2009

Flores e poemas na honra de Erik Noval e Francisco Pérez

Un momento do acto no peirao de Curuxeiras, no que interviu o cabo Gago daniel alexandre

m.f.g. > ferrol

Cerca de cincuenta persoas se achegaron onte ata o peirao de Curuxeiras, no porto ferrolán, para lembrar ós dous falecidos na explosión da fragata "Extremadura", suceso do que onte se cumprían catro anos. Con flores brancas e poemas, a Plataforma cidadá pola verdade da fragata "Extremadura" quixo honrar a memoria de Erik Noval e Francisco Pérez, os dous tripulantes que pereceron no suceso, ó tempo que continuou a reclamar que se esclarezan os feitos.

O acto comezou coa lectura do manifesto "Na memoria dos ausentes". O texto, lido por un dos membros da plataforma, denunciou "o silencio imposto e participado polos de arriba e mal dixerido polos de abaixo", porque as familias e os compañeiros necesitaban saber "como se puido chegar á situación de que sucedera o accidente".

Neste sentido, criticouse "o corporativismo cómplice" que "pretende arquivar baixo sete chaves todo o sucedido", e deman-douse que "se alguén ten que dar conta neste caso que a dean para o honor e a homenaxe dos ausentes que hoxe non están coas súas familias".

O manifesto recoñeceu tamén a actuación do cabo Gago, figura en apoio da cal xurdiu inicialmente a plataforma. "Por pedir responsabilidades pasárono de heroe a villano porque querían taparlle a boca. Non o conseguiron, e o seu clamor fíxose eco na sociedade civil e libre. Pero el pagouno caro coa súa osadía e tivo que irse para a súa casa".

Tras gardar un minuto de silencio polos dous tripulantes falecidos, o acto continuou cunha lectura de poemas. Entre as intervencións destacou a do cabo Gago, que lembrou os seus compañeiros falecidos nun suceso "que nunca debió ocurrir", motivado "por el inhumano proceder de unos cuantos negligentes". "Todas las madrugadas del diecinueve de diciembre que me queden por vivir estaré insomne", asegurou.

Gago agradeceu o apoio dos integrantes da plataforma, ós que cualificou de "caballeros y damas luchadores por la verdad". "Sin vosotros el tema estaría olvidado, estaría podrido en los confines de una oficina de la justicia militar", afirmou.

Entre os asistentes estaba tamén a nai de Erik Noval. Visiblemente emocionada, agradeceu tamén o apoio da plataforma para pedir que se esclarexen as causas do suceso.

Neste sentido, expresou a súa confianza en que, despois de que o Tribunal Supremo aceptase a trámite a súa reclamación contra o arquivo do caso, se investigue o sinistro. "Temos a esperanza de que se investigue, algo que non se fixo ata agora, que se tapou todo", engadiu. Tamén reclamou que se depuren responsabilidades, tanto dos que estaban ó cargo da fragata coma do Estado, en tanto que responsable último do mantemento dos buques.

Para concluír o acto, os presentes en Curuxeiras arroxaron flores brancas ó mar, como ofrenda ós falecidos.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: