3.8.08

LOCAL SOCIAL..

A AVV O Rosario disporá de local social cedido polo Concello.

REDACCIÓN > FERROL

A Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño disporá do seu propio local social, tendo en conta que o Concello comprometeuse á cesión dun na avenida de Viveiro con estrada de Castela.
A entidade xa reclamara en numerosas ocasións dispor dunha sede, do mesmo xeito que a outra asociación de veciños existente neste mesmo barrio.
A xunta directiva da entidade reuniuse en días pasados co concelleiro de Facenda, Ramón Veloso, ao que se lle expuxeron cuestións como a preocupación dos comerciantes polo centro comercial e o aparcadoiro da praza do Inferniño.
A este respecto, o concelleiro comunicou a entidade veciñal que o concesionario vai realizar un importante investimento para adecuar o aparcadoiro ás necesidades e normativas pertinentes.
Feirón
O concelleiro de Facenda informou, así mesmo, aos veciños de que a xestión do feirón será retomada polo Concello antes de finais de ano e levará a cabo unha ordenanza para regularizar o funcionamento, a venda e xestión deste mercadillo.
Outro dos temas abordados entre o Concello e a AVV foi o relativo ao parque urbano, PU 14, coñecido como Palco de Ánimas, do que se informou de que as casas situadas nesta zona están xa expropiadas e pagadas aos seus antigos propietarios, polo que continúan os trámites necesarios para o desenvolvemento deste parque urbano, unha reivindicación continua da asociación O Rosario.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: