30.11.11

O Concello aproba a subida das tarifas do aparcamento do Inferniño.-

O Concello aproba a subida de tarifas

para o aparcadoiro do Inferniño .

Mércores, 30 de Novembro de 2011 00:00 .

c.r.c. > ferrol

O estacionamento subterráneo do Inferniño, situado baixo o centro comercial Porta Nova, actualizará as taxas que cobra aos seus clientes, o que suporá un incremento nas mesmas.

Así o ditaminou favorablemente a comisión de Economía e Facenda, que preside Alejandro Langtry, na súa reunión de onte. Esta regularización de tarifas responde a unha solicitude do concesionario do estacionamento e, tal e como explicou o responsable da área municipal, tendo en conta que as taxas estaban por baixo da media dos demais parkings da cidade, permitiuse esta actualización.
Fai xa meses que tanto algúns usuarios do estacionamento como responsables veciñais do barrio fixéronse eco dos problemas con que contaban estas instalacións e, especialmente, o cobro das taxas, xa que, segundo aseguraban, subíronse as tarifas sen recibir o visto e prace do Concello, un requisito indispensable ao tratarse dunha concesión pública e municipal.

Con todo, aínda que tamén se falaba de "tarifas abusivas", o certo é que o incremento deixa, como explicou Langtry, a este parking como o máis barato da cidade, asegurando que se a media dos demais estacionamentos subterráneos -praza de Armas, España, Cantón e praza do Carbón- é de 0, 022 euros, no Inferniño pasaríase a cobrar agora 0,021 euros por minuto "fronte aos 0,015 euros de agora".

En canto aos alugueres de prazas de aparcadoiro, o responsable de Economía destacou, ademais, que neste caso o prezo está "moi por baixo" dos demais estacionamentos, cuxa media é de case o dobre do que pasará a cobrar agora o concesionario do parking do Inferniño (48 euros mensuais).

Con respecto ás críticas dos usuarios, o edil recoñeceu que parece ser que se estaban cobrando taxas actualizadas sen que o Concello dese ata agora o visto e prace nin pasase pola comisión pertinente.

Ademais, a empresa acompañou á solicitude de actualización de tarifas cunha serie de xustificantes sobre actuacións de mellora no parking como a instalación de grupos de cobro automáticos, renovación de cartelería e demolición de bordos, entre outras obras reclamadas polo Concello desde fai tempo.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: