11.11.11

Apertura expediente informativo a Portanova Park.S.L.

Abren expediente á empresa

do aparcadoiro do Inferniño.

Xoves, 10 de Novembro de 2011 .
c.r.c. > ferrol .
A situación do aparcadoiro do Inferniño non mellorou no que vai de ano a pesar das continuas queixas dos usuarios, da entidade veciñal da zona e das chamadas de atención do Concello tanto a finais do pasado mandato como desde que ocupa o goberno o executivo "popular".

A empresa concesionaria do estacionamento subterráneo, Portanova Park, foi apercibida polo Concello, tras unha resolución da concellaría de Facenda e Patrimonio o pasado mes de marzo, para que procedese a retrotraer as tarifas aplicadas aos usuarios, xa que estas foron aumentadas sen aprobación plenaria e incumprindo o prego de condicións polo que se lle adxudicou a explotación. Así, debería acometer unha serie de obras e melloras no estacionamento que non foron realizadas, polo que o Concello impediu a subida de tarifas en tanto non executase os traballos.

A pesar dos continuos requirimentos, a empresa fixo caso omiso, segundo explícase desde a área de Facenda do Concello, polo que está prevista a apertura dun expediente informativo á firma adxudicataria. Deste xeito, estudarase a situación e notificaranse as oportunas medidas que deberán levar a cabo.

Se unha vez resolto o expediente non se conseguen melloras no funcionamento deste estacionamento público, o concelleiro de Facenda, Alejandro Langtry, explicou que o Concello está disposto a chegar ao rescate da concesión por reiterados incumprimentos do prego de condicións.

Non é a primeira vez que o aparcadoiro do Inferniño atópase no punto de mira para un posible rescate por parte do Concello. Antes de Portanova Park era a firma Gepersa a encargada da súa xestión e esta pasoulla á actual de forma irregular, polo que o Concello, tras diferentes trámites, viuse obrigado a regularizar a situación co fin de que o estacionamento recuperase unha situación normal, algo que parece que non é posible tampouco agora coa nova firma, que o xestiona oficialmente desde o ano 2009.

A concesión realizouse por dúas décadas e co compromiso dun investimento de 200.000 euros por parte da empresa, que parece que aínda non se executou.

Este non sería o primeiro aparcadoiro cuxa concesión o Concello vese obrigado a rescatar. Xa sucedeu algo similar co estacionamento subterráneo do mercado, xestionado pola empresa Sofranda, á que se lle retirou a concesión por continuos incumprimentos.

Un caso distinto é o da praza de Armas, xestionado por Aparcadoiros Ferrol e cuxa concesión tamén foi rescatada en pasado mandato pero, neste caso, co obxectivo de acometer unha obra de ampliación que aínda non comezou.

Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: