3.4.07

Xuntanza Concelleiros- 15 Xaneiro de 2007

Ferrol, 15 de xaneiro de 2007
Xuntanza cos concelleiros de Urbanismo e Medio Ambiente
A Asociación Veciñal O Rosario – Inferniño quere informar que durante a mañá do venres día 12, membros da Xunta Directiva desta Asociación mantiveron sendas reunións cos concelleiros delegados de Urbanismo Señor Evia e Medio Ambiente Señor Rodríguez Silvar, nas mesmas tratáronse as seguintes cuestións:
URBANISMO:
1) Palco das Ánimas.- Con motivo do verquido de terras que se realizou durante o mes de decembro na parcela situada a esquerda do Pavillón do Ensanche (xunto a Rúa Illas Gabeiras), esta Asociación presentou escrito dirixido a esa Concellería no que solicitaba información sobre o mesmo, a resposta verbal do Señor Evia foi que dende Urbanismo non se realizou ningunha actuación nese espazo xa que, tal e como se comprometeu con esta Asociación, está en proceso a redacción dun proxecto de Parque Urbano e calquera intervención que se desenvolva tanto nese entorno como no da vía do tren (PU 14 e PU 19 segundo o PXOU) haberá de axustarse ó proxecto que se elabore.
Lembramos que ha redacción dun Proxecto de Parque que vincule os dous espazos foi unha eixisencia que esta Asociación trasladou a Concellería de Urbanismo cando no mes de febreiro do pasado ano, e contra a opinión da veciñanza, fixérase público o proxecto de construír neste mesmo espacio, por parte da Concellería de Deportes e co visto bo da AVV do Ensanche A, “unha das mais grandes pistas de skateborad de Galicia”.
Ao respecto do VERQUIDO, tamén manifestou que para realizar calquera movemento de terras é necesaria unha licenza municipal ou ben a redacción, polo correspondente departamento municipal, dun proxecto que serviría de licenza e, tras comprobar que non existe tal, se procedeu a incoar o correspondente expediente Administrativo para a reposición da parcela ao estado anterior ata que se redacte o xa mencionado proxecto de parque urbano.
Temos que dicir que aínda que o Señor Evia non especificou o Departamento Municipal responsable dos verquidos, esta Asociación tivo coñecemento o pasado día 21 de decembro de boca do propio Concelleiro de Deportes, Sr. Leopoldo Ibáñez, que esta actuación estaba sendo realizada polo seu Departamento para “acondicionar o entorno do Pavillón plantando céspede, lle guste ou non á nosa Asociación” (máis de trescentas toneladas de terra para plantar céspede nun terreo xa elevado sobre o nivel da rúa e, polo que parece, sen proxecto nin licencia algunha ¡INCRIBLE!).
De se confirmar que hai responsabilidades ou incompetencias por actuar sen permisos nin licenzas neste espazo ¿ Quen pagará a retirada destas toneladas de terra pola irresponsabilidade e prepotencia deste Concelleiro de Deportes ?
2) Praza do Río do tronco.- Respecto a este espazo, lembra o Concelleiro que a mais grande parte do mesmo ven cualificado no PXOU na sección 2ª dentro das Ordenanzas singulares, como AEI 26 Avenida da Paz, isto é, unha actuación integral que depende da iniciativa privada, explicou tamén que a zona viaria que queda fora da citada actuación integral necesita dun novo acondicionamento, xa que a rotonda e mediana que se executaron recentemente non parecen unha boa solución para ese espazo, sen especificarnos cal sería a actuación e cando se iniciará, mostrándonos de acordo con esta apreciación e manifestámoslle ao Concelleiro que manteriamos contactos cos veciños e veciñas para aportar suxestións para dita actuación.
MEDIO AMBIENTE
1) Palco das Ánimas.- Esta asociación mantivo contactos con responsables do IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) dependente da Universidade de Santiago de Compostela, o cal entre outras actividades, realiza estudos, para as administracións públicas, sobre a viabilidade da recuperación e declaración de zonas de interese natural, de espazos situados dentro dos cascos urbanos. Neste sentido a zona do Palco das Ánimas situada máis próxima á Rúa Seselle dispón dunha ZONA HUMIDA na que medran distintas especies vexetais que poderían ser de interese ecolóxico e que o mencionado Instituto está disposto a estudar de forma totalmente gratuíta para o Concello se este o solicita, polo que dende esta Asociación valoramos que sería moi positivo para o futuro Parque Urbano que, si fora viable, se recuperase ese espazo.
Trasladada esta información ao señor Concelleiro solicitámoslle que contacte co IBADER para que realice o estudo correspondente, manifestándonos que está completamente de acordo co exposto e que solicitará do IBADER o mencionado estudo para colaborar coa área de urbanismo no acondicionamento do Palco das Ánimas, xa que valora moi positivamente que na redacción dos proxectos dos parques por parte dos técnicos en urbanismo se incorporen as achegas dos técnicos medioambientais.
2) Praza do Inferniño, entorno e mobiliario urbano.- Trasladámoslle ao Concelleiro o malestar da veciñanza polo estado en que se atopa o mobiliario urbano da Praza do INFERNIÑO e o seu entorno (bancos, papeleiras, etc..) .
Explica que houbo problemas de tipo empresarial, polos atrasos no mantemento, problemas que espera que se resolvan de xeito inmediato, estando a concesionaria obrigada á reposición daqueles elementos que pola falla de mantemento non se poden reparar, tamén nos comunicou que xa se aprobou unha partida de 24.000 euros para mercar papeleiras que se colocarán nos barrios, excluíndo o da Madalena que é competencia de Urbanismo.
Fixémoslle saber que a Praza do Inferniño é un dos espazos públicos máis utilizados da cidade, sendo necesaria a contratación da limpeza tamén durante o fin de semana, que cremos que é necesaria unha reordenación completa da PRAZA para aproveitar mellor o espazo e que aínda que a zona de XOGOS INFANTÍS foi acondicionada, facémoslle saber que parécenos INSUFICIENTE a dotación de xogos para os máis pequenos, respondeu que está de acordo coa necesidade de reordenar os espazos da Praza para un mellor aproveitamento, estando en fase de estudo no Departamento de Urbanismo unha actuación integral sobre a citada Praza, pero que non prevé dita actuación a curto prazo, e respecto do resto de suxestións os recursos económicos do Departamento son os que son, polo que as actuacións axústanse aos mesmos.
3) Beirarrúas e arborado nas rúas Viveiro e Travesía do Inferniño.- Mostramos o descontento das veciñas e veciños polo estado das beirarrúas, provocado polo excesivo medre das raíces das árbores que levantan o enlosado, así como as repetidas queixas que provocan ditas árbores nos veciños das vivendas destas rúas, xa que as especies non son as máis axeitadas, o excesivo crecemento fai que as polas do arboredo invadan as xanelas das vivendas, provocando humidade e cegándoas durante todo o ano, chegando nalgún caso, ate o quinto piso.
O Concelleiro, Amador R. Silvar, contestou que na beirarrúa do marxe dereito da Travesía do Inferniño xa se está realizando unha actuación conxuntamente co departamento de obras, consistente na eliminación da segunda ringleira das arbores por parte do seu Departamento e o levantamento e reposición do enlosado por parte da Concellería de Obras, respecto da avenida de Viveiro explicou que nesta beirarrúa a actuación prevista é mudar as árbores existentes por outras dunha especie mais axeitada ás condicións da zona, especie que deberán determinar os técnicos do Departamento, suscitándose incluso a posibilidade de mudar os alcorques para as novas arbores, amosándolle o apoio desta Asociación para cambiar o arboredo .
Xa para finalizar informar a veciños e veciñas do INFERNIÑO que en vindeiras datas, esta Asociación convocará unha nova ASEMBLEA DE BARRIO para que asistan todas as persoas que o desexen, nesta asemblea serán puntualmente informados destes asuntos, Palco das Ánimas, Río do Tronco e Praza do Inferniño, e doutros moi importantes para o desenvolvemento do barrio como a situación actual do “expediente de investigación” incoado pola Concellería de Facenda e Patrimonio contra a Xerencia do Centro Comercial Porta Nova, e a situación na que se atopan as Dilixencias Previas, Procedemento Abreviado 952/2006 do Xulgado Mixto nº 4 de Ferrol iniciado a consecuencia da denuncia presentada por esta Asociación na Fiscalía dos Xulgados de Ferrol, por un presunto cobro ilegal da taxa municipal no Feirón do Inferniño.

O SECRETARIO

asdo. Pedro CACHAZA PEREIRO


O PRESIDENTE


Asdo. Xosé M. SANXOAN CAAMAÑO

No hay comentarios: