16.10.13

I Xornadas Sanidade Pública.-



Organizan unhas Xornadas 

para debater sobre a

situación actual da

sanidad pública

REDACCIÓN FERROL | Actualizado 16 Octubre 2013  
 
                                
Diario de Ferrol-2013-10-16-009-bcda1374
                                                                                                   

   A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol presentou onte unhas xornadas que se celebrarán o venres e o sábado na Fundación Novacaixagalicia e nas que se debaterá a situación actual da sanidade pública no ámbito galego.

 Trátase, explicou o portavoz da entidade, Xosé Manuel Sanxoán, de cumprir o compromiso adquirido xa antes do verán para "tomar o pulso" ao sistema sanitario e profundar nas intencións privatizadoras que, ao seu xuízo, ten o goberno autonómico.

 As xornadas incluirán tres mesas debate sobre "A contrarreforma sanitaria", "A atención primaria: a prioridade necesaria e o gasto farmacéutico" e "A relación público/privada (Incompatibilidades, concertos, listas de espera, xestión", nas que participarán os doutores Pablo Vaamonde, Manuel Martín, Jesús Sueiro, Bernardino Pardo, María Luisa Lores Aguín e Carlos Piñeiro.
 Ademais, como colofón, organizarase unha mesa redonda que versará sobre o "Pacto político pola sanidade pública, universal e gratuíta".

Participarán Miguel Santalices, en representación do PP; Beatriz Sestayo, polo PSOE; Eva Solla, de AGE; e Montserrat Prado, do BNG.

 Xosé Manuel Sanxoán convidou a participar nestes debates, dos que se extraerán unhas conclusións sobre a sanidade pública, e denunciou situacións como o copago de receitas por parte dos pensionistas, o adianto do diñeiro de prótese e cadeiras de rodas ou que se cobre polos traslados en ambulancia.

 Denunciou tamén este portavoz o intento de descapitalizar a sanidade pública para orientar aos pacientes cara á privada e aludiu tamén ás reducións orzamentarias, o desmantelamento de determinadas áreas e servizos ou a precarización das condicións de traballo do persoal, entre outras cuestións.

 Pola súa banda, Susana Alariz,, referiuse aos problemas que sofre o colectivo de inmigrantes chegando a asegurar que se deron casos de mortes por de-satención sanitaria.

 Esta portavoz indicou que o feito de que só se atenda ás persoas en situación irregular nos servizos de urxencias provoca que moitos deles non poidan seguir os tratamentos e non teñan acceso a probas ou análises, ademais do temor que inspira -apuntou- ter que deixar os seus datos persoais, algo que pode desembocar na súa expulsión do país.

 Alaniz denunciou tamén a escasa difusión do Programa Galego de Protección Social da Saúde pública tanto entre o colectivo de migrantes como nos propios centros de saúde, á vez que pediu que se estableza en toda España un modelo sanitario público, universal e gratuíto para estas persoas.
 
 
Diario de Ferrol.-

 

No hay comentarios: