7.4.13

Xuventude emigrante.-

 
         Máis de 43.000 mozos fóronse de Galicia nos últimos cinco anos

A cidade que rexistra a maior

 cifra migratoria é Vigo, con 5.548,

 e séguelle A Coruña con 4.870

Hoxe emigran ao estranxeiro o dobre de galegos que hai unha década. Nos nove primeiros meses do 2012 case 11.000 residentes na comunidade trasladaron o seu fogar a outros países, mentres que en todo o 2002 esa circunstancia vital fora tomada por só 4.193.
Pero o realmente determinante para o futuro de Galicia é que case o 56 % desa emigración ao exterior está protagonizada pola franxa en idade laboral máis nova da pirámide poboacional. Pondo o foco desde o comezo da crise obsérvase que foron 43.554 os galegos de entre 16 e 29 anos que cruzaron as fronteiras da comunidade ben para establecerse noutras autonomías (32.542 casos) ou no estranxeiro (11.012).
Nun único concello galego, o ourensán da Teixeira (só conta con 23 veciños de entre 16 e 29 anos), non se rexistrou ningunha marcha da súa poboación nova nos últimos cinco anos. En todos os demais, en maior ou menor medida a súa xeración de substitución viuse minguada, aínda que en 38 dos 315 municipios da comunidade a opción do estranxeiro non foi tomada por ningún dos seus residentes máis novos nos últimos cinco anos.
As nove cidades da comunidade achegan á nova diáspora 21.830 emigrados, o que significa que máis da metade do continxente novo que abandonou Galicia, o 56 % en concreto, sae das vilas medias e o medio rural da comunidade cara a outros horizontes á procura de formación e traballo.
Vigo, á cabeza da fuga
Vigo é a cidade onde o continxente migratorio colleu máis dimensión en números absolutos desde o inicio da crise, a abandonala 5.548 dos seus residentes de entre 16 e 29 anos. Séguelle A Coruña, con outros 4.870; Ourense, 2.653; Santiago; 2.192; Lugo, 2.097; Pontevedra, 1640; Ferrol, 1.615; Vilagarcía, 682, e en noveno lugar Narón, con outros 533 novos integrantes da diáspora galega.
Para os novos emigrados que deciden saír das fronteiras do Estado, a Unión Europea é, como nos anos setenta, o principal foco de atracción, pasando a ser América do Sur a segunda opción máis socorrida.
Das 9.317 galegos que saíron ao estranxeiro no último ano computado íntegro polo Instituto Nacional de Estatística, 5.274 contaban con entre 18 e 36 anos, o que recalca o feito de que a emigración está a golpear sobre todo á xeración que trata de acceder ao mercado de traballo.
Perigo
O retorno dese continxente de emigración nova que accede ao seu primeiro traballo estable e consolida a súa primeira unidade familiar é considerado como moi complicado por sociólogos e demógrafos.
A falta de incentivos para regresar, en forma de traballos especializados e correctamente retribuídos, é apuntada polos expertos como unha das circunstancias que máis incidirán en atrasar e incluso impedir a volta de moitos dos mozos que agora están a partir da comunidade galega, en especial dos que o fan cara ao estranxeiro.
O desemprego
A foto fixa do desemprego en Galicia reflexa ao redor de 50.000 menores de trinta anos sen traballo, feito que os demógrafos recalcan que estaría a empuxar cada vez a xeracións de menor idade a completar a súa formación fose ou a buscar o seu primeiro emprego.
Para rematar, a emigración nova está a impedir que a substitución xeracional estea garantido en Galicia, que xa é unha das zonas de menor índice de maternidade de Europa, o que se reflicte sobre todo no medio rural, onde o éxodo está a contribuír á desertización poboacional e o abandono do medio rural, e a unha concentración na franxa litoral, que empezou a dar mostras tamén de retraimiento censal.
  

No hay comentarios: