23.4.13

Demografía galega - Vivendas

Unha sangría demográfica,

económica e social

         
  Que Galicia lidere o ránking de vivenda desocupada ten diversas lecturas e todas elas son negativas porque nos recordan a marxinalidade coa que se tratou a esta comunidade e sobre todo ás provincias de Lugo e Ourense durante decenios. Explícome: leváronse por diante a unha boa parte do sector gandeiro e agrícola provocando o peche de miles de explotacións, e iso leva o desarraigamento do rural e o seu abandono deixando pobos baleiros ou cunha mínima poboación.
 
 De aí unha boa parte das 299.396 vivendas baleiras en Galicia... a maiores da perda demográfica de habitantes de numerosos concellos e a redución de ingresos municipais, o que nos leva a pensar que manter 315 concellos operativos na comunidade será un autentico reto, sobre todo para os rexedores e as diferentes corporacións, que se verán sometidos a unha alta presión para poder dar uns servizos dignos aos seus veciños á vez que terán que conter os impostos para non seguir afogando a maltreita economía das familias.
 
Potenciar as capitalidades e as parroquias ou núcleos máis significativos dos concellos con baixa densidade demográfica pode ser unha das solucións, aglutinando na capitalidade os diferentes servizos que a sociedade actual demanda.
 
Temos un parque de vivendas notablemente envellecido cunha media de antigüidade de 42 anos, das cales 254.152 terían máis de 50 anos, co que o recentemente aprobado proxecto de Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbana vénnos como anel ao dedo.
 
Aínda que non toda a vivenda desocupada responde ao rural. Hai que recordar que seguimos tendo un stock de pisos novos de 40.000 unidades en Galicia, case todas concentradas nas provincias de Pontevedra e A Coruña, e que unha boa parte corresponden a vivenda de segunda residencia situadas ao longo da costa entre A Guarda e Viveiro.
 
Da mesma forma tamén é evidente que incrementar en só dez anos un 17,6 % o parque de vivendas principais en Galicia -como constata o censo do INE- sen ter aumentado a poboación é outro dos factores que nos conduciron ao despropósito actual, que non é outro que na comunidade teñamos miles de desafiuzamentos e doutra banda teñamos decenas de miles de vivendas baleiras.
 
En definitiva, parece que nos pasamos de freada, o que, sumado a unha pésima política territorial, levounos a que en Galicia teñamos un 18,6 % do parque de vivendas sen ocupar. Normativas claras, agrupadas, lexibles e sólidas serán as que reconduzan urbanisticamente unha situación claramente prexudicial e que constitúe un sen sentido difícil de asumir.
Benito Iglesias é presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias.
 
 

No hay comentarios: