27.4.12

RESCATE CENTRO COMERCIAL.-

Os veciños apoian o rescate de Porta Nova.


Denuncian a mala xestión do centro comercial do

Inferniño por parte da empresa concesionaria.



Escrito por: f. fernández
ferrol / a voz
 27 de abril de 2012

As dúas asociacións de veciños do barrio do Ensanche A- Inferniño apoian a iniciativa do goberno local de Ferrol de emprender o rescate da concesión do centro comercial de Porta Nova, no Inferniño, inaugurado a finais de 1995, á luz das débedas contraídas por esa empresa co erario público municipal. A sociedade Fesuco debe ao Concello medio millón de euros. Será o segundo rescate en 17 anos de historia do centro Porta Nova.

Rafael Leira, presidente da asociación de veciños Ensanche A, considera que o recinto necesita unha reforma para polo a funcionar de novo con eficacia. Máis que un revulsivo para o barrio, Porta Nova é un «pesadelo», en palabras de Leira, polo mal estado das instalacións e pola pouca actividade comercial que xera. Para o presidente do Ensanche A «a solución pasa por traspasar a xestión e inxectar investimento» para remodelar as instalacións e «pór a funcionar» o centro comercial. É un paso «imprescindible», destacou Leira.

Mentres, Ana Jesús López, presidenta da asociación O Rosario-Inferniño, recordou que a entidade leva anos esixindo ao Concello que tome cartas no asunto e «rescate a concesión porque a empresa incumpre o prego de condicións».  O Rosario tamén reclama que se efectúe unha auditoría para esclarecer a xestión do centro.

Ana Jesús López considera que a concesión de Porta Nova debe ser asumida por outra empresa privada «sempre que faga funcionar ben o centro», algo polo que o Concello debe velar, apuntou a presidenta veciñal.

A empresa Fesuco xestiona o recinto comercial desde 1999. A primeira concesionaria foi Gepersa, que tamén acumulou débedas co Concello no primeiro ano de vida de Porta Nova. Ademais, o goberno local de entón decidiu romper coa empresa porque esta segregou en dúas os contratos do aparcadoiro e do centro comercial.

La Voz de Galicia.-

No hay comentarios: