28.2.12

Petición apertura da biblioteca.-

A Asociación Veciñal O Rosario critica o peche

da biblioteca do Centro Carvalho Calero.

Martes, 28 de Febreiro de 2012.
 redacción > ferrol .
A xunta directiva da Asociación Veciñal O Rosario do Inferniño emitiu un comunicado no que expresa a súa preocupación polo peche, que se fixo efectivo fai xa dúas semanas, da biblioteca municipal do Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño. Esta medida, que na nota é cualificada de provisional, é considerada como moi grave pola entidade, que esixe do Concello "que se dea a máxima prioridade á inmediata apertura desta biblioteca e unha programación estable a este edificio cultural".

O Rosario mostra desta forma a súa "queixa e decepción ante a falta de dilixencia e resposta municipal" en retomar a normalidade no funcionamento dun recinto xa que, afirman, "trátase dun tema sensible de máxima prioridade cultural e dun lugar de uso e consulta para estudantes". Segundo a organización veciñal, tanto as concellarías de Cultura como as de Persoal estanse mostrando incapaces para dar resposta á situación creada, o que é considerado así mesmo como moi grave.

Ademais de retomar a actividade normal da biblioteca, esta entidade volve insistir na necesidade de que o centro cultural do Inferniño conte cunha programación estable e permanente que inclúa así mesmo as xornadas de fin de semana, horarios en sábado e domingo que esperan incorpórense á biblioteca cando esta volva abrirse.

No hay comentarios: