
A Xunta directiva desta Asociación Veciñal O Rosario- Inferniño, comunicamos que imos solicitar ao Concello de Ferrol a DECLARACIÓN desta parroquia do Rosario como BARRIO do INFERNIÑO.
Analizadas as distintas singularidades e antecedentes desta zona, afirmamos que esta parroquia do Rosario ten a suficiente ENTIDADE E IDENTIDADE para ser recoñecido como BARRIO do INFERNIÑO.
Como todos sabemos a partir da segunda metade do século XX, a cidade de Ferrol foi crecendo fora de Porta Nova, actual Praza de España, xurdindo o que agora se coñece como Ensanche A, onde a veciñanza se foi organizando co nacemento de dúas PARROQUIAS; SAN PEDRO e O ROSARIO.
Sabemos polos historiadores que a Parroquia foi implantada dende a chegada dos Suevos a Galiza como unha unidade territorial de marcada importancia e gran tradición.
Lembramos que a Confederación Galega de Asociación Veciñais de Galicia (COGAVE), aprobou unha resolución na súa Asemblea Xeral celebrada en Pontevedra, onde recoñecía a relación de Parroquia e Barrio sen caer en ningunha connotación relixiosa.
Nosa pretensión consiste en que O Inferniño debe ter a consideración de Barrio co fin de elixir, decidir ou reivindicar o seu futuro nas relacións sociais e culturais, dende a perspectiva da solidariedade co máis absoluto respecto da legalidade.
Proporemos este debate con campañas informativas e reunións coa cidadanía, entidades sociais, responsables municipais para rematar cunha SOLICITUDE FORMAL DE DECLARACIÓN DO INFERNIÑO COMO BARRIO.
Facemos un chamamento a toda a veciñanza co animo de recibir todo o APOIO para conquerir esta conquista para O INFERNIÑO.
Ferrol, a 4 de Marzo de 2010.
A Directiva.-
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - -
A asociación do Rosario pide que se
denomine á parroquia barrio do Inferniño
A asociación veciñal do Rosario-Inferniño emprendeu unha campaña informativa para conseguir para a parroquia a denominación de barrio do Inferniño.
A entidade rexeita que se considere Ensanche A tanto á zona da parroquia de San Pedro como a do Rosario pola inconcreción e «confusión» que xera, segundo indicou onte un dos membros da entidade promotora.
Argumentan que un encontro, celebrado hai anos, da Confederación Galega de Asociacións Veciñais de Galicia recoñecía a equiparación de parroquia con barrio sen caer en connotacións relixiosas.
Por iso, reclaman o recoñecemento ao considerar que O Rosario «ten a suficiente entidade e identidade», sen que supoña «ningunha intención de separatismo», sinalou o secretario, Xosé Mel Sanxoán.
A asociación elaborará material informativo e auspiciará reunións coa cidadanía e os responsables municipais conducentes á solicitude formal dunha declaración oficial.
La Voz de Galicia.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario