14.2.10

DÍA DA MULLER - EXPOSICIÓN DE PINTURA - MARGARITA CIMADEVILA.



Ferrol Sábado 13 de Febrero de 2010


O Carvalho Calero acollerá actividades que

reivindican o papel da muller na ciencia.


REDACCIÓN > FERROL
O Concello e a Asociación Veciñal O Rosario do Inferniño reivindicarán o papel que a muller desempeñou na ciencia ó longo da historia, cun programa de actividades que se desenvolverá no centro cultural Carvalho Calero.

A concelleira de Educación, Mercedes Carbajales, e a presidenta da entidade veciñal, Ana J. López, presentaron onte a iniciativa, que xirará arredor da mostra de pintura “Ciencia Ex Aequo”, obra da artista Margarita Cimadevila. A exposición, que se desenvolverá entre o 1 e o 15 de marzo, rende homenaxe ás científicas que, a pesar da súa contribución profesional, en moitos casos foron relegadas pola súa condición de muller.
En particular, centrarase na figura dunha ducia de investigadoras que traballaron ó longo de século XIX e comezos do XX.

A actividade complementarase cunha charla, que correrá a cargo da propia autora.
Cimadevila é licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago e dirixe, na actualidade, o Instituto de Ensinanza Secundaria Urbano Lugrís, de A Coruña. A conferencia está programa para o 2 de marzo ás cinco da tarde, tamén no centro cultural do Inferniño.

Esta última actividade está destinada principalmente a estudantes de Secundaria e Bacharelato, aínda que tamén está aberta ó público en xeral.
Con esta intención xa se remitiu unha invitación ós institutos da cidade.
Os que queiran participar deberán contactar co departamento de Educación do Concello de Ferrol, a través da súa páxina web www.ferrol.es/educación, onde ademais se poden descargar as solicitudes.

Segundo sinalou Carbajales, con esta iniciativa, búscase “visualizar” o labor desempeñado pola muller en moitos eidos nos que non era visible por tratarse de profesións “propias dos homes”, como é o caso da ciencia. Situación que se deu ó longo da historia, engadiu, a pesar que dende a antigüidade hai constancia de mulleres que desenvolveron unha importante actividade investigadora.
A mostra coincidirá no tempo, lembrou, coa celebración do Día da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

A presidenta da A.Veciñal O Rosario do Inferniño coincidiu en que a historia está chea de casos de mulleres que se adicaron á investigación e non foron valoradas como correspondería.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: