22.6.09

PETICIÓN DE PASOS ELEVADOS.-

O Rosario pide que se instalen pasos
elevados peonís no Inferniño.
REDACCIÓN > FERROL
A xunta directiva da asociación veciñal O Rosario do Inferniño remitiu un escrito ao alcalde, Vicente Irisarri, e ao concelleiro de Obras, Gerardo López Castrillón, solicitando a implantación e construción de pasos elevados peonís ao redor da praza do Inferniño, co fin de salvagardar a seguridade dos veciños.
A entidade explica que nos arredores da praza prodúcense a diario bastantes casos de excesos de velocidade de vehículos e motos polo que entende que se trata dun perigo real e continuado para os usuarios desta praza.
A entidade recorda que a praza do Inferniño está considerada como unha das zonas máis concorridas da cidade, en especial por nenos de pouca idade e persoas maiores.
A presidenta da entidade, Ana López Díaz, explicou que na última reunión co edil de Tráfico e Obras coincidiuse na conveniencia de realizar estudos e informes por se fose preciso implantar pasos elevados peonís nas inmediacións da praza.
A entidade veciñal recorda que a nova normativa establece que estes reductores de velocidade consisten nunha plataforma trapezoidal de 10 centímetros de altura como máximo, construída en formigón ou material asfáltico, cun máximo de catro metros de longo e unhas ramplas de subida e baixada de entre un metro e 2,5, dependendo do límite de velocidade existente, polo que pide que se tomen as medidas oportunas. para salvagardar a seguridade dos peóns.
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: