20.2.09

HUMANIZACION ESTRADA DE CASTELA


As obras das estradas de Castela e Catabois empezarán antes do verán


Na estrada de Castela intervirase nun tramo de 1,5 quilómetros para acondicionala ao seu uso como vía urbana


DANIEL ALEXANDRE REDACCIÓN > FERROL

A humanización das estradas de Castela e Catabois é un proxecto que vén de antigo e que pretende adecuar estes viarios á súa nova condición de rúas urbanas. A Consellería de Política Territorial acaba de licitar as obras, cuxo importe é de sete millóns de euros e que, segundo as previsións do goberno local, darán comezo antes do verán, ao redor dos meses de maio ou xuño.
O prazo de execución fixado é de 24 meses.
O alcalde e o concelleiro de Urbanismo expresaban onte a súa satisfacción polos froitos que está dando a colaboración con outras administracións, que Irisarri cifrou en máis de 25 millóns de euros para este ano, nesta e outras cuestións relacionadas con infraestruturas para a cidade.
A Consellería de Política Territorial licitou, a través da publicación no Diario Oficial de Galicia, as obras de acondicionamento e humanización das estradas de Castela e Catabois, dous proxectos que se remontan a anos atrás e que pretenden adecuar a fisonomía e dotación destes espazos á súa actual función de rúas urbanas.
Ambas as estradas, que naceron como vías de acceso á cidade, foron adquirindo, co paso dos anos, carácter urbano, polo que é preciso adaptar o seu trazado aos novos usos e dotalas tamén dos servizos necesarios. No entanto, non perderon o seu labor como arterias de entrada e saída á cidade -o volume de tráfico supera os 22.000 vehículos diarios- polo que se fai necesario aumentar a seguridade viaria nestas zonas.
A intervención na estrada de Catabois dividirase en dous partes, unha desde a praza de Canido ata a rotonda do Marcide -tres quilómetros nos que coexistirán vehículos e peóns- e outra desde esta glorieta ata a que serve de límite con Narón, en Muíño do Vento. Neste último caso, a intervención será de menor alcance e responderá ás necesidades concretas de cada punto.
Polo que se refire á estrada de Castela, as obras, cun tratamento similar ás de Catabois, afectarán a un tramo de 1,5 quilómetros desde a estación de autobuses.
En ambos os casos construiranse beirarrúas, mellorarase o pavimento, colocarase mobiliario urbano, instalaranse novos servizos e aparcadoiros e redefiniranse as paradas de autobús.
En Catabois haberá, ademais, un carril para bicicletas. O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e os concelleiros de Urbanismo, Anxo Mato, e Facenda, Ramón Veloso, expresaron onte a súa satisfacción pola licitación das obras e destacaron os froitos que dá o traballo conxunto entre Xunta e Concello. Mato, en concreto, referiuse á importancia que traerá consigo a materialización destes proxectos polo que suporá de mellora na vertebración e reestruturación do ámbito urbano de Ferrol, e fixo especial fincapé no caso da estrada de Castela.
Neste sentido, apuntou que se trata da zona de maior desenvolvemento urbano e que se mellorará a imaxe de dos barrios, o Inferniño e Ultramar, contribuíndo a unha mellor vertebración dos municipios de Ferrol e Narón.
O responsable municipal de Urbanismo apuntou que ambos os proxectos desenvolvéronse tendo en conta o Plan de Mobilidade elaborado pola Axencia de Ecoloxía Urbana e que esta licitación vén sumarse a outra serie de proxectos que están resolvendo os problemas de infraestruturas de Ferrol (saneamento do rural e da zona urbana, praza de España, etc.)
Mato, que quixo tranquilizar aos veciños da estrada de Castela xa que con estas obras solucionaranse as deficiencias de pavimentación e beirarrúas, destacou que o goberno de Galicia está cumprindo os seus compromisos co Concello.
Pola súa banda, o alcalde fixo balance dos investimentos previstos para este ano polos gobernos central e autonómico en Ferrol: os 13 millóns do Fondo Estatal de Investimento Local; sete (este ano a metade) da Cptopv para as careteras de Castela e Catabois; 2,5 de Medio Ambiente para o saneamento dos ríos Inxerto e Tronco e outros dous millóns para resolver as inundacións dos Corrais.
Máis de 20 millóns aos que hai que sumar os investimentos do Plan Urban, que este ano poden estar entre os dous e os tres millóns de euros.
Falamos dun investimento de 25 millóns de euros este ano; un caudal de investimento nunca visto nesta cidade, dixo Irisarri.
O problema é agora a xestión deste diñeiro, pero a présa que temos en sacala adiante non está rifada co cumprimento
Diario de Ferrol.-

No hay comentarios: