15.12.07

VISITA DO ALCALDE E CONCELLEIR@S AO BARRIO

En cumprimento dos compromisos adquiridos con veciños e veciñas nas distintas Asembleas de Socios e de Barrio celebradas durante estes anos, a Xunta Directiva da Asociación veciñal “O Rosario – Inferniño” realizou este informe que, sen animo de exahustividade, pretende reflectir cal e a situación actual do barrio en relación coa atención que calquera cidadán demanda da súa Administración.





O obxectivo deste informe non e facer unha crítica gratuíta, todo o contrario, preténdese encher de contido o traballo que, entendemos, debe desenvolver calquera asociación veciñal, servir de conexión entre a veciñanza e os poderes públicos, trasladándolle aos últimos as necesidades e inquedanzas dos primeiros e, levándolles a estes as propostas e solucións expostas polos segundos.
Dende esta perspectiva, nunha primeira aproximación, apreciamos unha grave situación de abandono institucional en distintos aspectos do barrio, abandono que consideramos aínda máis grave, se cabe, ao descubrir que para solucionar moitos dos problemas que padecemos non e necesario investimento algún, o simple cumprimento das obrigas de control da administración, vixiando e esixindo o respecto pola legalidade, abondarían para solucionalos.
Neste informe facemos un agrupamento das nosas demandas mais importantes, xa tantas veces repetidas, en catro apartados: URBANISMO, ESPAZOS VERDES E DE LECER, MANTEMENTO E CONTROL E ESPAZOS CULTURAIS E DEPORTIVOS.

1. URBANISMO

Na década dos anos 40, ao norte da estrada de Castela, comezou a trazarse en Ferrol un novo barrio que os técnicos municipais denominaron “Ensanche Zona A”, e ao que a linguaxe popular chamou “Inferniño”. Un crecemento desordenado protagonizado pola iniciativa privada caracterizou o novo barrio, os constructores edificaban nas parcelas dispoñibles e, logo, os veciños debían dirixirse ao concello para solicitar os servizos (o pavimentado, alumado público, traída de auga, etc...), a única infraestructura pública do barrio era un novo estadio de fútbol. Case 70 anos despois e xa no século XXI, a veciñanza deste barrio continúa pagando o desastroso “urbanismo” levado a cabo neses anos. Un barrio desordenado, excesivamente edificado e poboado e con escasísimas zonas verdes e servizos.
En decembro do ano 2000 o Concello pleno de Ferrol aprobou o vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal, instrumento urbanístico de ordenación integral do territorio, sendo un dos seus obxectivos mellora-los servizos públicos, as infraestructuras, as dotacións, os equipamentos e a urbanización, dende esta Asociación esiximos aos responsables políticos que garantan o escrupuloso cumprimento do citado Plan Xeral, especialmente nas parcelas aínda sen urbanizar como son o Palco das Ánimas e o Río do Tronco, así como nas construccións que se realizan sobre solares ou edificios vellos que se derruban.

Outro dos problemas que preocupa á veciñanza neste ámbito consideramos que é o chamado “feismo urbanístico”especialmente respecto daquelas parcelas ou solares sen edificar que convértense en vertedoiros de lixo ou autenticas “selvas urbanas” niño de toda bichería posible.






2. ESPAZOS VERDES E DE LECER



Como xa quedou exposto, a falta de planificación nos tempos do desenvolvemento do barrio provocou a especulación cos espazos, deixándonos sen zonas verdes para o lecer, resultando que hoxe case que exclusivamente dispomos da Praza do Inferniño como lugar para divertimento e repouso dos nenos e nenas, xoves e maiores deste barrio e de barrios limítrofes que padecen unha situación semellante.
Como se pode entender a afluencia de usuarios cara esta xa emblemática Praza do barrio é enorme e, a pesar dos case 10.000 m de solo que dispón (entre zona verde e deportiva) prodúcese unha constante masificación de xente de todas as idades que impide un goce pleno da mesma. Dende esta Asociación pensamos que aínda que este feito poda responder a diversas causas, a mais importante, sen dúbida, é o deseño totalmente erróneo coa que foi construída (escasa zona de xogos para nenos e nenas, escasos bancos para repouso, un palco sen uso no medio da praza, as zonas verdes elevadas sobre o chan e rodeadas de pedra granítica cortante e perigosa, etc...), polo que creemos que a solución pasa por unha remodelación integral da mesma, remodelación na que a veciñanza deberá participar aportando ideas ou solucións ás propostas dos técnicos para que non volva a acontecer a situación actual.

Pero, conscientes de que un proxecto desta magnitude leva o seu tempo, propoñemos unha serie de medidas que podería mellorar a situación.
Consideramos urxente que o servizo de limpeza aumente a súa presencia na Praza, especialmente os fins de semana, resulta evidente que tan elevado número de usuarios esixe maior limpeza e os domingos carecemos deste servizo.
Resultaría moi positivo recubrir as pedras que rodean as zonas verdes con algún material brando (como a madeira), o cal resolvería dous problemas, reduciría o perigo de lesións e aumentaría considerablemente o número de lugares onde sentarse.
Tamén consideramos urxente a eliminación dun espazo no interior da praza que é popularmente coñecido como “a flor”, xa que o mesmo serve exclusivamente como vertedoiro de lixo, urinario de adultos e pequenos, e agocho para que dalgún drogodependente se administre a súa dose e deixe a xiringa estrada no chan.
Propomos o aumento das zonas de xogo, tanto os dos mais pequenos como os de pre-adolescente, os existentes resultan escasos.

Ademais de todo isto dende esta Asociación propomos a realización, canto antes, dun proxecto integral dun gran Parque Urbano na zona do Palco das Ánimas que vincule os dous parques recollidos no PXOM (PU 14 e PU 19) mediante a recuperación dun humidal que existiu na zona e do que aínda quedan restos. Este parque deberá dotarse con elementos que, xunto coa zona libre proxectada na rúa do inferniño, complemente a saturada Praza do Inferniño. A consecución deste proxecto lograría para o barrio case tres hectáreas mais de espazo de lecer e repouso para goce da veciñanza, saldando así unha débeda histórica coas infraestructuras do Ensanche.

3. MANTEMENTO E CONTROL

Se a situación do barrio non e doada polos motivos xa expostos, empeora cando observamos as consecuencias dos incumprimentos constantes en materia de disciplina urbanística ao respecto da ocupación das beirarrúas por estadas e balados de obras xa que non se respectan as normas establecidas no PXOM.
Tampouco mellora a situación cando observamos o mantemento das roturas producidas nas rúas, beirarrúas e mobiliario urbano. Cando se produce algunha rotura, sexa fortuíta ou polo desgaste propio do paso dos anos, pasan meses e incluso anos antes de que se produza a reparación ou reposición do material, este feito traslada unha imaxe de barrio abandonado tanto á veciñanza como aos visitantes.
A todo isto debemos sumarlle a case inexistencia de pasos de peóns nas rúas do barrio, o permanente estado de ocupación de moitas das beirarrúas por carros estacionados encima delas e, como non, o xeneralizado aspecto de sucidade das rúas, moitas veces provocada polos excrementos dos cans de cidadáns pouco cívicos e insolidarios.
Dende esta Asociación opinamos que moitos deste problemas solucionaríanse con maior control deste feitos por equipos de funcionarios especializados e cunha asignación orzamentaria para o mantemento axeitada ás necesidades dun barrio que medrou á sombra do urbanismo mais especulativo.

No hay comentarios: