15.12.07

Comunicamos as reivindicacións do barrio





ESPAZOS CULTURAIS DEPORTIVOS E DE OCIO

Xa quedou exposto que nos seus inicios a única infraestructura pública do barrio era un Estadio Municipal de Fútbol. Hoxe no espazo que no seu día ocupou o Estadio municipal Manuel Rivera dispomos do Centro Comercial Porta Nova, o Centro Cultural Carvalho Calero, a Praza do Inferniño e unha pista polideportiva descuberta.
Ademais á beira da rúa Río Xubia, no Palco das Ánimas, fai case dez anos e en plena campaña electoral , constrúese o Pavillón Municipal do Ensanche.
A enumeración dos servicios deportivos e de ocio do barrio, Centro Comercial Porta Nova, Centro Cultural Carvalho Calero, pista polideportiva descuberta, Pavillón Polideportivo do Ensanche, aparentan unha gran dotación pública, mais a realidade é completamente distinta :








-CENTRO COMERCIAL.
Respecto deste Centro de titularidade pública en réxime de concesión administrativa, vimos denunciando dende fai mais de dous anos, xunto co Colectivo de Comerciantes Críticos, o sistemático incumprimento do prego de condicións que rexe a relación da concesionaria do Centro Comercial co Concello, incumprimento que provoca o afogamento da actividade comercial e da como resultado un espazo público infrautilizado, coa maioría dos locais baleiros, ben sexa porque nunca foron ocupados ou polo seu peche posterior.
Como xa manifestamos en multitude de ocasións pensamos que o principio da solución ao Centro Comercial pasa polo RESCATE DA CONCESION por parte do Concello para elaborar unha estratexia que permita recuperar a plena actividade do mesmo.


-CENTRO CULTURAL.



Consideramos nesta Asociación que para que un local público sexa merecedor de chamarse centro cultural, deben desenvolverse nel, actividades culturais como a musica, o teatro, conferencias ou exposicións, cando menos con certa regularidade, o cal non sucede no noso centro cultural, que como xa temos denunciado repetidas veces mais parece o local social dunha Asociación de veciños que un centro cultural.
Pensamos que é imprescindible que o Concello asuma a xestión do mencionado Centro Cultural, faga nel as modificacións estructurais que precise e que o inclúa na programación cultural da cidade, aportando así á veciñanza o servicio para o que foi deseñado.


-PISTA POLIDEPORTIVA.

A pista sitúase entre a rúa Inferniño e a Praza do mesmo nome, e foi deseñada como un lugar onde nenas e nenos do barrio podan exercitarse libremente practicando deporte cos amigos e amigas. Mais acontece que dita pista ten certas carencias que a converten, incluso en perigosa.
A zona de xogo atopase moi preto das gradas, que están feitas de formigón, o que supón un risco para os usuarios, ademais non existe ningún tipo de protección para que non escapen as pelotas ás rúas próximas, polo que nenos e nenas invaden con certa regularidade as rúas detrás dos balóns, o que todos sabemos que é moi perigoso e xa por último, a pista atópase absolutamente degradada convertindoa en verdadeiro papel de lixa para os corpos de nenas e nenos, e con grandes fochancas que obrigan aos usuarios a facer carreiras de obstáculos para non caer e torcer os nocellos.

Dende esta Asociación desexamos que o novo Goberno Municipal amose maior vontade que o anterior na atención ás demandas dos cidadáns e esperamos que aposten por unha maior participación cidadá nos asuntos que a todas e todos nos incumben directamente, sendo este informe cas súas formulacións e demandas un exemplo desa vontade.

No Ferrol, a 11 de decembro de 2007.

O PRESIDENTE.-


Asdo.. Xosé Manuel SANXOÁN CAAMAÑO



SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL

No hay comentarios: